Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Lecturas e relecturas a propósito dunha obra de Suso de Toro

Falar do que se ten lido ou ler do que se ten falado proporciona momentos gratificantes ao alcance de todo verdadeiro lector. Esta circunstancia probablemente sexa o principal motivo que provoca a relectura de certos libros. É exercicio pracenteiro porque non adoitamos reler aqueles libros que nos desagradaron senón aqueles outros que nos proporcionaron satisfacción e certo pracer. É máis, non debería chamarse relectura, que incide no significado de repetición mecánica, cando en realidade ten outra dimensión con capacidade de integrar novidosamente todas as lecturas posibles porque como acción persoal malia que volvamos ler o mesmo texto non o estamos a facer cos mesmos ollos das lecturas pasadas. Con razón Borges consideraba a relectura máis importante que a lectura tendo en conta, naturalmente, que para reler é necesario ter lido anteriormente. Este preámbulo quere ser tamén testemuño dunha moi grata experiencia persoal de relectura da que quero facer partícipes a posibles lectores.

No verán de 2019 dei con Suso de Toro e Tere en Rianxo, estaban a documentar un novo proxecto no que a vila era escenario principal. Ao pouco tempo Suso tivo a deferencia de adiantarme un texto que calificaba de “borrador en marcha” na busca do ton para conseguir unha historia narrada que exprese a verdade das cousas.

Confeso ter lido o texto recibido con curiosidade e interese sabedor de que o autor, dono de recursos e de oficio, sempre ofrece novidades sorprendentes como consecuencia da súa teimosa procura de camiños e espazos habitables. A resposta miña dicía así: “Rematei a lectura neste mesmo momento e necesito un espazo de tempo para a reflexión. Teño moitas notas recollidas, que paso a resumir: para min son dúas creacións paralelas: por unha parte o relato dos Baltar, focalizado en Ramón e por outra o metarrelato da loita entre narrador e escritor. Esta porfía, esta teima é o esencial porque enlaza e tece unha serie de nós entre vida e literatura, que se confunden e entrelazan de tal maneira que son unha mesma cousa. Tal é así que o personaxe apreixado, Ramón, acaba influíndo no narratario, que modifica a súa opinión, por exemplo, sobre Picasso.

"Confeso ter lido o texto recibido con curiosidade e interese sabedor de que o autor, dono de recursos e de oficio, sempre ofrece novidades sorprendentes como consecuencia da súa teimosa procura de camiños e espazos habitables"

decoration

E o que é máis insólito nesa porfía, que tamén é diálogo, nesa segunda persoa, tamén está o lector que se ve na obriga de refrendar as limitacións e os puntos de vista que lle ofrece o narrador. Tiña moito interese en ver a perspectiva coa que acometías o, aparentemente, relato dunha vida. Era unha chave fundamental para min como lector. O resultado final só o pode ofrecer o oficio e madurez creativa dun escritor condenado a contar. Atado, encadeado á vida como contista. Que é tanto como dicir seductor. Tivo moita sorte Ramón Baltar.”

O espazo de tempo solicitado na devandita contestación para a reflexión alongouse máis dun ano ata a presentación en Rianxo do texto xa convertido en libro e titulado Un señor elegante. Confeso, en primeiro lugar, que nun primeiro momento lin exclusivamente unha biografía sen título anoada ás circunstancias existenciais que lle ofreceron Ramón Baltar e familia. Na segunda lectura lin unha novela porque o personaxe estaba sometido ás esixencias de estilo do narrador e na terceira cotexando texto e impreso, por se tiña lido obras diferentes en vista das viaxes diferentes que me provocaron as lecturas, descubrín a estrutura dun ensaio. Cando menos Un señor elegante, por ofrecernos estas dúbidas sobre o tipo de discurso que ofrece, suscita un interesante debate como suscitaron no seu día Relato de un náufrago de García Márquez, que navega entre a reportaxe periodística e a novela documental ou Schindler’s Ark (1982) de Thomas Keneally, coñecida como La lista de Schindler despois da película de Spielberg, premiada como novela en Gran Bretaña e considerado un libro de historia en Estados Unidos.

Suso de Toro, que comezou negando arquetipos con Polaroid (1986), levaba moitas novelas na procura dun home galego culto, de clase media alta, bo profesional, traballador éticamente intachable, de procedencia urbana, comprometido coas liberdades, deu con Ramón Baltar, un personaxe que representa eses valores para culminar unha etapa narrativa iniciada con Home sen nome (2006).

*Académico numerario

Compartir el artículo

stats