Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cipriano Luis Jiménez Casas

Especialistas ou xeralistas

Boris Cyrulnik (1937...) é neurólogo, psiquiatra, psicanalista e un dos fundadores da etoloxía humana. Foi a primeira persoa en Francia en interesarse polo fenómeno da “resiliencia”. Detido polos alemáns e internado nunha sinagoga en Bórdeos, cando tiña seis anos, aproveitando un tumulto consegue escapar e despois de vagabundear é criado na Beneficencia. Entra na escola por primeira vez aos once anos, e quince anos despois especializase en neuropsiquiatría. Edgar Morín (1921...) é antropólogo, sociólogo e filósofo da contemporaneidade, e creador do denominado “pensamento complexo”. A súa obra abarca numerosas vías de exploración. De raíces sefardís, foi Militante da Resistencia francesa contra a ocupación nazi, e membro do Partido Comunista francés ata 1951, proclamaba fai pouco tempo: “Gústame ver as parellas mixtas: branco-negro, branco-amarelo, xudeu-cristián, franco-alemán, etc.”

O diálogo entre estes dous grandes investigadores e pensadores do noso tempo sobre A Natureza Humana, nos aporta que “é a unidade dentro da diversidade o que consegue a forza; de cara a remontar a angustia da nosa condición humana, é necesario potenciar esa ligazón, esa pasarela, que nos permita renacer e facer evolucionar a nosa especie”. No libro Diálogo sobre la naturaleza humana, nos lembran o carácter interdependente entre a cultura e o psiquismo, entre o cerebral e a bioloxía, trasladándonos a coñecernos mellor a través do recoñecemento do outro. Un diálogo esclarecedor e esencial que nos dirixe aos valores da comunicación, o amor, a solidariedade, e unha necesaria reflexión sobre a nosa condición!

Cyrulnik e Morín reflexionan do papel dos especialistas no seu confort intelectual acumulando constantemente informacións sobre unha mesma materia de cara a “sabelo todo sobre a nada”. Por iso deciden ser xeralistas, e dicir, meter a nariz un pouco cada vez na bioloxía, medicina legal, psicoloxía ou a psicanálise. “Remátase, entón, por non ser especialista en nada, pero ter a mellor opinión sobre a persoa ca que nos atopamos que se chama o ser humano... dúas actitudes, dúas políticas do saber totalmente diferentes”.

Trátase de evitar o confronte entre estas dúas posicións entre especialistas / xeralistas. Un ecoloxista por exemplo, xogaría o rol de director de orquestra, el vai demandar o saber do botánico, zoólogos, microbiólogos, xeólogos..., estudiaríase así a Terra como un sistema “complexo”, onde tódolos elementos están relacionados. Chegan así, estes autores, á idea importante da cultura? Estar cultivado historicamente significa que cando se fala de Bosnia hai que ter un mínimo de coñecementos por situala na súa historia, o seu contexto xeográfico, a historia do comunismo, dos Balcáns, etc. O verdadeiro problema é de poder facer a lanzadeira entre os saberes illados, e unha vontade de integralos, contextualizados e globalizalos.

Morín, pon como exemplo que no seu libro El hombre y la muerte, estar fascinado pola morte da súa nai cando tiña dez anos, e polas mortes de moitos dos seus amigos ao longo da guerra. Laméntase de que: “Non existe unha ciencia da morte, para facer un libro desas características tiven que estudiar etnografía, relixións, mitos, certas actitudes filosóficas que non cren na inmortalidade e incluso me preguntei o que significa a morte desde un punto de vista biolóxico”. Para Cyrulnik e Morín o ser humano e ao tempo que biolóxico, cultural, social e psicolóxico.

*Médico Psiquiatra e Psicanalista. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats