Dicía un ‘Cheli’, castizo madrileño, colega de farras e estudos na Complutense, de cando eramos máis novos, e aínda tíñamos ilusións e esperanzas e sobre todo gañas de cambiar o mundo, que a política é a arte de atopar un problema onde non o hai e buscarlle a solución equivocada. Dende logo que nunca estiven máis de acordo co chollo, visto o visto cos nosos.

Non hai máis que abrir os xornais e empezar a ter unha cada máis máis angustiosa sensación de perigo inminente en todas e cada unha das decisións que adoptan estes, en teoría os máis capacitados que segundo eles entran na cosa pública (a política), para servir e non para servirse, aínda que eu particularmente e sen sinalar a ninguén cada vez teño máis dúbidas de que isto sexa así.

No seu afán de personalismo e de ser protagonistas da historia montan un zipi zape, por un quítame de aí estas pallas, e quedan tan panchos, naturalmente as consecuencias pagámolas todos, eles xamais, porque iso da responsabilidade, o conto da dimisión, a historia interminable de renunciar ao escano, ao cargo ou ao que sexa, non vai con eles, faltaría máis!.

Remítome ás probas e xulguen vostedes se teñen tempo e gañas.

O guirigai que temos montado coa folga de transportistas é para saír nunha revista de humor se non fora polo grave que resulta, as inmensas perdas económicas, a cadea de despropósitos e danos colaterais que está a provocar e sobre todo a manifestación nítida da prepotencia dunhas ministras impresentables que se negan a recibir aos que cualifican como “ violentos de ultra dereita”. O único que non se pode facer e moito menos dicir cando tés un problema grave.

Unha cousa queda clara: os señores do goberno poden pactar, reunirse e mesmo saír na foto cos de “ultra esquerda”, pero cando se fala de os de “ultra dereita”; cordón sanitario, liña vermella, e non sei qué lerias máis. Tópicos, típicos e ata o infinito e máis alá.

E entre tanto a plataforma dos transportistas mantém a folga que está a obrigar a peche de empresas, carencia de subministres, perdas e desabastecemento, todo pola intransixencia dunha ministra, que tan so está disposta a falar cos que lle rin as grazas e seguen o xogo.

Así estamos, e así nos vai, con Pedro Sánchez paseando por Europa mendigando como sexa acordos para baixar o espolio da enerxía, gas, luz, combustibles, nos petos de nós todos, eles non, claro, e fondos para este baúl sen fondo no que dr está a converter a nosa economía. En tanto móntase outra co tema de Marrocos, o Sáhara, e botamos unha ollada de reollo a Arxelia, que non podemos esquecer que resulta ser o subministrador máis importante do prezado gas para o noso país. Como digan de subirnos os prezos, ou cortarnos o grifo, vainos dar a risa.

O galiñeiro de Podemos e o PSOE a gresca un día si e outra tamén, os de Ciudadanos, máis perdidos que unha agulla nunha palleira, e dos do PP, do noso Feijoo das dores, xa mellor non falo, despois de ver a desfeita de Casado, Ayuso e compañía. E os nacionalistas buscando sacar tallada na tarta deste pastel agreo que temos de país.

Insisto, os políticos que padecemos nos últimos tempos son a mostra evidente de que a política é a arte de atopar un problema onde no no hai e buscarlle a solución equivocada.

Manda carallo, co truco!