Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Nun contexto relaxado

A primeiros de novembro de 2021 as autoridades anunciaban que os datos de violacións en España sufriran un aumento de máis do 30% con respecto a anos anteriores. O Ministerio de Interior compartiu a cifra de 1.601 violacións. 2021 aínda non rematara, pero o dato era verdadeiramente alarmante. Vivimos nun país onde os delitos contra a liberdade sexual están á cabeza. A pasada semana o alcalde de Huesca condenaba publicamente a violación grupal a tres rapazas menores. Varios deles xa foran detidos anteriormente por delitos de agresión sexual. Non hai que ir moi atrás para atopar nos medios outros casos similares. Esta semana, a Garda Civil iniciou a investigación dunha violación grupal na Estrada. A pouco que fagamos memoria lembramos a menor que foi atopada de madrugada por un camioneiro nun descampado, en Igualada. Tivo que ser sometida a unha nova intervención cirúrxica hai uns días, como consecuencia da violación grupal que sufriu. Nada sabemos sobre os seus agresores.

Con bastante frecuencia lembro os comentarios de Ricardo Javier González, un dos maxistrados que xulgou o caso da “Manada”:

“No puedo interpretar en sus gestos, ni en sus palabras intención de burla, desprecio, humillación, mofa o jactancia de ninguna clase. Sí de una desinhibición total y explícitos actos sexuales en un ambiente de jolgorio y regocijo en todos ellos, y, ciertamente, menor actividad y expresividad en la denunciante. Y tampoco llego a adivinar en ninguna de las imágenes el deleite que describe la sentencia mayoritaria salvo que con el término se esté describiendo la pura y cruda excitación sexual”. Mentres a Policía Foral de Navarra falaba de “berros de dor”, o xuíz González referíase a “xemidos de carácter sexual”. Por certo: semella necesario lembrar que o Tribunal Supremo elevou a condena á Manada a 15 anos, despois de determinar que fora unha violación múltiple e non un abuso sexual, revocando a sentencia do tribunal de Navarra.

Esta semana, a comisaria de Pontevedra Estíbaliz Palma foi cesada como consecuencia dos deleznables comentarios onde afirmou que “ya les gustaría a algunas que las violase un antidisturbios”. Non tardaron en saír voces defendendo que esas palabras tiveran lugar nun “contexto relaxado”. Isto fíxome recordar a polémica da contratación de Carlos Santiso coma adestrador do Rayo Feminino despois de que se filtrasen audios onde animaba a “hacer una como los de la Arandina. Nos falta que cojamos a una, pero que sea mayor de edad para no meternos en jaris, y cargárnosla todos juntos”, en referencia á violación grupal a unha moza de 15 anos. Cando as redes sociais e as peñas do Rayo estouparon contra a fichaxe de Santiso, a defensa foi que aqueles comentarios tiveran lugar nun contexto de “charla informal entre amigos”. Igual que no caso de Estíbaliz Palma.

Cada vez que nunha situación coma as descritas escoito alguén dicir algo do estilo “é que agora xa nin un chiste se pode facer”, sinto arrepíos. En que mans estamos as mulleres? Quen nos recibe cando acudimos a unha comisaría a denunciar unha violación? Por quen son xulgados os agresores? E unha pregunta máis que deixo no aire: en cantos grupos de amigos teñen lugar comentarios fantasiando con violar mulleres?

Compartir el artículo

stats