Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

No pasamento de Randulfe

Randulfe, Ánxel Fernando Martínez Randulfe, está connosco na Touza das Ribas, explora os subterráneos do Arrabaldo, rube até os adarves da Torre de Menaxe. Randulfe viñera, cos seus pais e irmaos, pasar o mes de agosto de 1946 nunha casa de Vilanova dos Infantes de cuxo corredor pode enxengarse unha porción gloriosa do Val do Arnoia. Naquel verao os rapaces fomos bañarnos aos pozos do Sorga. Randulfe sempre habería de recordar con saudade aquela súa experiencia en Vilanova dos Infantes.

Nun relanzo das nosas vidas, Randulfe e máis eu perdémonos de vista. Até que el reapareceu na Universidade Compostelana rebelde de 1968. E soubemos que el, con Elvira Landín, creara en Vigo un despacho xurídico laboralista. Este revestiu grande importancia histórica. A escolla de Vigo como cidade de residencia, e dos traballadores como destinatarios da súa práctica forense, sitúan Randulfe na esquerda socialista e nun nacionalismo galego sen fendas. Naturalmente, arredárase do sacerdocio e da comunidade católica.

E sobreviñeron os sucesos memorabeis de 1972. O estoupido proletario iniciado en Ferrol e culminado en Vigo, contribuiu de forma fundamental á creación dunha nova conciencia galega. E Randulfe, no plano da defensa laboral, foi un factor decisivo de tal transformación. As novas circunstancias levaron Randulfe a se integrar no partido Esquerda Galega, fundado por Camilo Nogueira. Esta militancia partidaria non lle impediu solidarizarse cos independentistas de Galicia Ceibe que foran detidos en 1980 para despois seren xulgados na Audiencia Nacional. Tampouco lle impedira, no máis duro das folgas do 72, atender profesionalmente traballadores e traballadoras de todas as tendencias político-sindicais antifranquistas en presencia.

A vivencia da condición galega subalterna e a necesidade dunha emancipación nacional estivo sempre no peito de Randulfe

decoration

Lembramos isto por exemplificar unha nota distintiva da personalidade de Randulfe, cal foi unha independencia de criterio sempre condicionada por aquela paixón solidaria que gobernaba os seus actos. Velaí o imperativo ético como motor principal da conducta cívica e resistente de Randulfe. A vivencia da condición galega subalterna e a necesidade dunha emancipación nacional estivo sempre no peito de Randulfe coma unha parte inalienábel da súa visión da Historia e da mudanza dialéctica.

A lealtade galega de Randulfe ten raíces moi fondas na sociedade contemporánea do seu Ourense natal, ao meu xuicio. En etapas posteriores el animou un movimento crítico suprapartidario cuxo fin era a análise do mundo contemporáneo visto desde as atalaias da esquerda. Encarnou a condición de “bo e xeneroso” que Pondal puxera no noso himno a modo de desafío. O sol daquel agosto en Vilanova dos Infantes volve agora aquecernos coma nun conto de Faulkner.

Compartir el artículo

stats