Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas opinadora

Voyager

Ledicia Costas

Abogada a tiempo parcial y escritora a tiempo completo, es autora de más de 16 libros infantiles y juveniles. En 2019 publicó su primera novela para adultos, "Infamia".

Cousas que non teñen prezo

Todo é susceptible de ser vendido? Depende de a quen lle formules a pregunta. Eu diría que non se pode mercar o amor, a esperanza, a saúde, un bebé... A terminoloxía aquí é importante. En realidade, sempre o é. Temos sobre a mesa unha das técnicas máis agresivas de márketing: conseguir alterar a percepción da sociedade manipulando a terminoloxía. Non produce o mesmo impacto usar o termo “xestación subrogada” que “ventres de alugueiro” ou “venda de bebés”. Pódese alugar un ventre? E unha persoa? Habería que preguntarlle a unha muller prostituída que opina disto.

Se entran na web da Asociación da Xestación Subrogada en España poderán ler o seguinte: “A xestación subrogada ou xestación por substitución é unha forma de reprodución asistida en que, ademais dos futuros pais, participa unha muller que xesta o embrión. Esta técnica prodúcese cando unha muller con plena capacidade de obrar consente libremente levar a cabo a xestación co compromiso irrevogable de entregar a criatura”.

Habería moito que matizar aquí. Para empezar, a posición accesoria en que se sitúa a nai biolóxica. Tamén hai que deterse niso que chaman consentimento libre, porque estamos falando dun negocio que move grandes cantidades de diñeiro. Cantas mulleres nunha excelente posición económica accederían a asinar un contrato deste tipo? Regreso ás mulleres que son prostituídas: cantas mulleres nunha excelente posición económica exercen a prostitución?

En España esta práctica non está amparada pola Lei de Técnicas de Reprodución Asistida. Ou o que vén sendo o mesmo: é ilegal. Mais o que si se lle permite á cidadanía española é acudir aos países onde está regulada. Este é o caso de Ucraína, case convertido nun paraíso para a compra de bebés. As obrigas da nai biolóxica son numerosas: está sometida a unha dieta, ten que facilitar un certificado de antecedentes penais, debe cumprir as instrucións médicas que estipule o centro escollido polos clientes (tamén a relativa a relacións sexuais), non pode inxerir alcohol, aos sete meses debe trasladarse soa, sen compaña de familiares, ao lugar onde vai dar a luz, debe abortar no caso de que así o decidan os clientes... A obriga dos compradores é unha: pagar a cantidade establecida, uns corenta e cinco mil euros por todo o proceso.

Inmediatamente despois da invasión de Rusia empezaron a saír voces de clientes que estaban agardando polo nacemento dos seus futuros bebés. As parellas españolas que estaban en Ucraína recibiron un salvoconduto e foron evacuadas. Mentres, unha das clínicas máis polémicas de Ucraína (investigada por tráfico de menores e órganos) instalou un paridoiro nun refuxio antiaéreo con cueiros, latas de comida e berces. Unha muller ucraína deu a luz nun búnker mentres os clientes manifestaban o seu espanto pola situación de desprotección dos seus fillos. Os fillos que mercaron.

Pódese mercar un bebé? Depende do lugar onde vivas ou dos cartos que teñas. E que pasa coas mulleres que pariron os fillos das outras? Iso é secundario. Tan só son xestantes. Envases, receptáculos, incubadoras. E aí radica a perversión.

Compartir el artículo

stats