Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

CAMPO DE GRANADA

Manuel Bragado

Arde, meco, arde

No Colexio Público de Cedeira queimamos o meco, unha coidada reprodución en cartón do noso deteriorado pavillón deportivo cuxo arranxo a comunidade educativa leva dende hai dúas décadas reclamando aos responsables do Concello de Redondela e da Consellaría de Educación. Previa á queima e ao sermón do crego, un texto satírico e moi incisivo preparado polo alumnado de 6º de Educación Primaria esixindo un pavillón novo para Cedeira, desfilaron polo perímetro da vella cancha e aos ritmos de carnaval e do tamboril cada grupo burbulla coas súas mellores e máis extravagantes galas, máscaras e disfraces, cunha importante representación de superheroes de banda deseñada, princesas cadáver, deportistas zombis e onde non faltou un trío de Tanxugueiras nosas reclamando coas súas pandeiretas a abolición das fronteiras. Celebrados por ventura na maior parte das escolas de Primaria da comarca viguesa, estes desfiles e nalgúns casos folións de entroido que coinciden co estoupido de cor de mimosas e camelias, cando case todo este inverno (tan benigno) vai fóra, recuperan a ledicia e estrépito, espantan os medos e malestares de case dous anos de restricións e rigorosos protocolos da COVID-19 e anuncian a dispoñibilidade para afrontar a vella normalidade.

O xeitoso meco de cartón do colexio de Cedeira forma parte da tradición máis auténtica do entroido galego, a de representalo mediante un boneco ou forma substitutoria, unha divindade efémera de cartón e palla, que ao xeito de herdeiros de bacos e dionisios clásicos presiden nas aldeas e prazas estas festas nas que celebramos o inicio do abandono do inverno. Ídolos de cartón ou roupas e avíos de refugallo que por Galicia adiante reciben diversos nomes, dende os “Entroidos” ou “Entrudios” do triángulo ourensán (Xinzo, Verín e Laza), que poden ser tanto só un como unha parella “don Entroido” e “dona Entroida”, como os “Lardeiros” e “Lardeiras” (Viana do Bolo) e “Mecos” (documentados por Vicente Risco en Allariz en 1948 e hoxe presidindo moitos entroidos urbanos, como os de Vigo e Redondela), pasando polo “Poderoso Señor Deus Momo” (documentado por Xosé María Álvarez Blázquez no entroido vigués de 1877) e o “can Urco” (ser mitolóxico de mal agoiro, protagonista segundo Calros Solla do entroido pontevedrés dende 1876, ano no que o poeta Andrés Muruais se caracterizou de semellante personaxe) até o “Loro Ravachol”, o simpático e faladeiro loriño do boticario don Perfecto Feixoo, cuxo enterro dende 1985 pecha o entroido pontevedrés, ou a “Micaela” de Buño, citada por Xosé Manuel González Reboredo, ou “Poñicarpio” ou o nome de calquera outro cacique de sona do que fala Felipe Senén.

Meco do vello pavillón do CEIP de Cedeira.

Figuras con forma humana de palla e roupas vellas, como o impresionante Meco da Xironda, no concello de Cualedro, de cinco metros de altura e cuns atributos sexuais de gran tamaño, feito o sábado de Entroido para ser queimado o martes na praza da Picota nun lume purificador que pon remate aos días desta festa. Queima a que precede, como sucedeu co mequiño da escola de Cedeira, despois da liturxia e da súa solemne condución acompañado das súas esperpénticas choronas, retrousos, burlas e críticas no día do seu enterro (da sardiña), xeralmente en vilas e cidades, o mércores de cinsa. Liturxia pagá na que o “crego” pronuncia diante dos seus acólitos, vestidos de rigoroso loito, un “sermón” ou “testamento” satírico burlesco no que arremete contra os vicios e escasas virtudes de mecos e entroidos mentres os asistentes responden a súa prédica: “Arde, meco, arde. Arde, meco, arde...”. Iníciase así a corentena de Coresma, tempo de xaxún, vixilias e meditación, creado para non ser respectadas.

O que debido ás restricións da pandemia aínda non se puido recuperar nas celebracións escolares do entroido deste curso foron as mesas de convivencia nas que se comparten as froitas de tixola tradicionais, as sobremesas de fariña, ovo e leite propias destas festas: as filloas, marruchos, freixós, as orellas de frade, as follas de limón, as flores e as bicas e biscoitos en todos os seus formatos. En todo caso, algo ten que quedar para celebrar o vindeiro ano, mesmo a pesar de que este entroido que aparentaba tan preñado de esperanza, coincidiu coa noxenta invasión rusa de Ucraína, abrindo outra fenda para a desolación. Xaora, o tempo de entroido no que muda o clima invernal permite que durante apenas uns días o dereito se faga do revés e que os mecos e outra divindades choqueiras presidan as nosas prazas e encrucilladas, nun exercicio de ledicia compartida e contaxiosa como unha beizón profana da terra nosa. “Arde, Meco, arde!” é o contrasinal deste martes de entroido, no que os merdeiros e escabicheiros vigueses volverán impoñer a súa lei na que non se pode circular sen máscara e disfrace no seu territorio.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats