Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De bolina

Xosé Ramón Pena

Amigos absolutos

Certamente, ben pode acontecer que, cando esta columna vexa a luz pública, xa se fosen engadir novos episodios á exitosa serie televisiva –ou “culebrón”, para os máis dados ao estilo/linguaxe “retro”– de moi “rabiosa” actualidade. O que é máis: nin sequera devén descartable que os produtores da mesma nos vaian sorprender axiña co anuncio dunha nova temporada cuxa rodaxe xa andaría bastante adiantada. O xogo da lura?, Downton Abbey?, The Crown? Ou talvez se trata de Paixón de gabiáns ou incluso de Terra amarga? Pois non, miñas e meus.

A ver: por máis que non falte quen acuda a esoutra correspondencia entre a Marquesa de Merteuil e o Vizconde de Valmont –xa saben: Les liaisons dangereuses (‘As amizades perigosas’)– penso que han de ser uns cantos de entre Vdes. –sempre moi amables lectores destas liñas semanais– aqueles e aquelas que veñan coincidir en que o título que lle cabe á presente entrega si que pode resultar de acordo con esoutro, Amigos absolutos, da excelente novela artellada en 2003 por John Le Carré. Absolute Friends, daquela; e é que, en efecto e talmente como ocorre no caso dos protagonistas da devandita obra, Ted Mundy e mais Sasha, a camaradaxe entre Dna. Isabel Díaz Ayuso e mais D. Pablo Casado así mesmo procede de lonxe, ambos membros dunha mesma xeración –na xeira dos corenta– e, ademais, por partida dobre: ao cabo, os dous foron ingresar case ao mesmo tempo nas filas de Nuevas Generaciones do Partido Popular. “Amigos absolutos”, e iso por máis que a trama de espionaxe e arrabaldes que agora mesmo andan a compartir, moito antes que ao sutil MI6, o contundente KGB, o moi letal Mossad ou a todopoderosa CIA, máis ben semelle digna desoutra axencia de noso: os Técnicos de Investigación Aeroterráquea (a sempre indescriptible TIA), para a cal traballan, desde 1969 e ás ordes do Superintendente Vicente, os sempre inefables Mortadelo e Filemón.

“Ata cando durará a paciencia da Sra. Ayuso na súa –irresistible?– ascensión aos ceos?”

decoration

Mais xa sexa no ronsel de Choderlos de Laclos, no do mestre Le Carré ou nesoutros de Francisco Ibáñez, Carlos Arniches –para algo o sainete, digo/escribo a ficción, transcorrre en pleno corazón dos Madriles– e/ou os responsables de “Club Estambul”, entendo que si que coincidiremos en atribuírlle o mérito (ou boa parte del) do presente guión ao enxeño, perspicacia e agudeza creativas de D. Miguel Ángel Rodríguez –MAR para os amigos e para o mundo da farándula, do showbiz–, arreo en estado de alerta. Fiel, xa que logo, ao vello adaxio do “se non è vero, è ben trovato”, D. Miguel Ángel leva tempo dabondo axeitando relato tras relato, ficción tras ficción... –e escándalo tras escándalo– para os mellores apoxeo e gloria audiovisuais da súa representada, a emerxente rock’n’roll star IDA, sobre os coloridos platós de Bla, Bla, Land.

“Asaltar os ceos”, velaí o título daqueloutra, malograda, miniserie protagonizada por Pablo Iglesias Turrión –espero que algúns e algunhas aínda se acorden del– e que dera inicio procurando algo así como un revival de Reds, de Warren Beatty, mais que foi concluír apenas nun remake de Falcon Crest, Galapagar adiante. Pois ben; moito máis prácticos ca el, D. Miguel Ángel Rodríguez e a súa favorite movie star non aspiran a tanto –ou acaso si: “de Madrid al cielo”–, resultando felices comedores de perdices se, finalmente, deveñen capaces de atinxir nun futuro máis ou menos próximo estoutro firmamento terrenal que atende por La Moncloa. Desde logo, rezos e pregarias mil por parte de seareiros, ultrasures e mariachis adxuntos non lles han de faltar aínda que, iso tamén, o refrán de vellos advirte de que “mentres tempo non pasa, sazón non chega”. É dicir, ata cando lle durará a paciencia a Dna. Isabel na súa –irresistible?– ascensión?

Tal e como está, ou semella estar, agora mesmo a “cousa” electoral, apenas a suma de PP e de Vox –ou moito mellor: o traspaso de votos desde a formación de Abascal cara aos eidos de Génova, 13– lle viría conceder á dereita a posibilidade real de alcanzar a vitoria nunhas eleccions xerais. Mais os problemas a encarar son aínda dous: o primeiro deles reside nas consecuencias, ou non, dunha deriva que determina ás claras o abandono do centro do campo electoral por parte das hostes populares. Canto ao segundo, trátase de xogarse todo a unha carta –a “carta Ayuso”– coa esperanza de que o proceso que estamos a contemplar non vaia concluír con irreparables consecuencias de carácter xudicial. Así o panorama, e metido a gurú visionario, xa foi declarar nos pasados días e da súa parte, D. Miguel Ángel Revilla que na súa bóla de cristal se enxergaba a proximidade dun congreso extraordinario para o PP e, no transcurso do cal, a escintilante aparición da emerxente “figura dun galego”. Chegados a tal punto, digo/escribo eu: a quen se estará a referir, entón, o (meigo) señor presidente cántabro?

Compartir el artículo

stats