Opinión

Unha voz galega: Xoán Rubia

Contra finais do ano pasado editouse o libro PASABA POR ALÍ E quedei un intre do cantautor Xoán Rubia - Galaxia -, con limiar de Xavier Alcalá. Trátase dun relato escrito en primeira persoa polo propio protagonista, que dá conta dos seus cincuenta anos de actividade artística, que comeza no seu Mugardos natal e por extensión na bisbarra de Ferrolterra. Formado musicalmente na disciplina de piano -máis tarde de canto-, Xoán Rubia chega á Compostela universitaria e vive apaixonadamente os aconteceres do histórico Maio do 1968, cando comeza timidamente a agromar a nova canción galega, e por suposto asiste ao bautizo de Voces Ceibes, fato do que acabaría por ser compañeiro de viaxe pero sen se integrar nel, malia que un dos seus compoñentes, Xerardo Moscoso, aparece reiteradamente citado ao longo do libro como amigo do propio Rubia.

O espello no que se ollaban aqueles primeiros cantautores galegos era o da nova cançó catalana, e ben claro que queda reflectido nas vivencias narradas polo protagonista . Non en van o precedente que deu o pulo inicial a aquel movimento foi o recital de Raimon en Santiago 1967. Posteriormente, xa establecido contacto coa editora discográfica galaico - catalá Edigsa / Xistral, o artista trasládase a Barcelona, cidade na que é moi ben recibido e onde se estrea nun estudo de gravación, para despois continuar con outras discográficas de Madrid e Galicia. De todo o seu repertorio rexistrado pode o lector informarse de primeira man, seguindo a guía tracexada ao longo dos distintos capítulos do libro: un amplo cancioneiro que inclúe por exemplo versións como as do tema Non nos van mover; poemas galegos de Lorca -dos que foi precursor na súa musicación - ; seu grande éxito Catro vellos mariñeiros; producións máis ambiciosas como Panxoliñas, en dueto con María Manuela; e na mesma temática Nadal, gravado coa concorrencia de corenta músicos.

Se a discografía de Xoán Rubia aparece ben tratada no libro, non o é menos a súa actividade sobre os escenarios, facendo referencia expresa ao ben acollido que foi sempre por parte do público vigués. Daquela, estamos ante unha crónica completa, non só das andainas do artista - guía senón tamén das partilladas con colegas seus tan diversos como Andrés do Barro ou Fuxan os Ventos. E para que o relato quede completo, tamén podemos ler algunhas páxinas referidas aos medios de comunicación, entre os que sobresae o nome do coruñés Nonito Pereira, home decisivo na difusión da nosa música. Pola súa parte, o propio Xoán Rubia tamén tivo a súa experiencia radiofónica, que contrastaría co desinterese xeral que as emisoras mostraban cara ao seguimento dos nosos cantautores, agás puntuais entrevistas sobre as novidades discográficas.

Pasaba por alí... resulta un título moi acaído para este libro, escrito por un protagonista involuntario, que acaba guiándonos por un período da nosa historia do que El mesmo formou parte. E cando conclúe o relato, párase a cavilar sobre a utilidade da canción galega, feita para o pobo pero sen contar con el -sic -. E co pano de fondo do aparato represor da ditadura ata o ano 1975. E no centro de todo o propio Xoán Rubia, penso eu, que deu en combinar unha canción de temática social con outra máis folclórica, e do que agardamos novos rexistros, tal e como deixa entrever no propio libro.

*Funcionario público xubilado. Membro da Asociación Cultural Pertenza