Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana Miranda

Facervos valer na pesca

Vendo e sentindo a dor que toda Galiza sinte pola accidente en Terranova, outro máis, empatizamos coas familias, as comarcas e co sector dun país enteiro. Son os nosos mortos, e doen. Falo co sector pesqueiro cada dia e aínda que resulte duro falar deste tema nestes dias, quero trasladar unha análise do que me comentan dende hai tempo.

Europa decide sobre a nosa pesca e a voz de Galiza en Europa a nivel gobernamental está silenciada porque as nosas autoridades non se fan valer. Facervos valer na pesca e facerse valer sempre. Falando na Guarda con palangreiros pola crise do marraxo, coas redeiras, coas mulleres da pesca de Mulleres Salgadas, co cerco, co sector do marisqueo e da pesca artesanal, entre outros, vemos como hai unha falta de defensa da pesca galega nos foros onde se decide por parte das autoridades que deberían defendela. Moedas de cambio, trocos de cotas, descoordinación, supeditación aos intereses doutras frotas. E sempre pagamos as mesmas, as galegas.

"Os nosos lobos de mar nos mares do mundo merecen o recoñecemento nestas tráxicas mortes e a protección en vida cada día"

decoration

Golpea o mar día a día, nas condicións de traballo de moitos mariñeiros; nas xornadas interminables; na falla de recoñecemento do coeficiente redutor das mariscadoras e de recoñecemento das doenzas; na falla de relevo xeracional; nas trabas administrativas que levan ao desánimo, ao abandono da profesión e ao despece dos barcos; nas normativas agresivas da UE en política pesqueira que non nos teñen en conta. Golpea o mar nos mortos e nos vivos, diariamente. Como me contaba un mariñeiro da frota do litoral, “menos frases bonitas, que digan que non digan que caro é o peixe, e máis axudas para non ter sobrecarga, ou para limitar as cotas pesqueiras”.

Golpe o mar no Morrazo e en Vigo –na Galiza enteira–, e vemos unha vez máis como estamos sós. Os nosos lobos de mar nos mares do mundo merecen o recoñecemento nestas tráxicas mortes e a protección en vida cada día, na defensa do sector do mar como cuestión nacional prioritaria. Iso é facervos valer.

Compartir el artículo

stats