Hai tempo que non teño a máis mínima dubida de que a sociedade camiña por un lado e os políticos por outro totalmente diferente. Estou a falarlles deses deputados ben apoltronados nas súas bancadas que día a día nos dan un exemplo que de ningunha maneira debemos imitar e que mesmo se trabucan torpemente e fan o contrario do único que teñen a obriga de facer, que é votar e premer un botón de si ou non, segundo as consignas do seu grupo político.

De novo a realidade supera a ficción e logo de que hai ben pouco tiveramos que apeitugar cunha das maiores crises que este país ten soportado e aínda soporta, como foi a do sistema financeiro, co famoso rescate bancario, nos que o Estado –que non podemos esquecer somos nós todos, eles non, os banqueiros e os seus colegas militan noutra categoría, a dos plans de pensións mil millonarios, os bonus estratosféricos e os salarios siderais– lles deu unha chea de cartos a título de non sei que e, por suposto, libres de po e palla, e que ninguén xamais devolveu, comezaron unha desenfreada carreira polas fusións e os peches das oficinas bancarias que, segundo eles, non aportaban rendibilidade ao negocio, por suposto a España, a Galicia baleira sabe ben do que estamos a falar, porque o número de pobos e vilas que perderon oficinas bancarias, ou quedaron sen ningunha eche unha historia para chorar.

Daquela eu non escoitei a ningún representante político de ningún partido da cor que fora, falar da tropelía que se estaba a consentir: reducións de plantillas, eliminación de postos de traballo, locais baleiros, etc. De sobra son coñecidas as consecuencias de todo elo.

Agora, curiosamente, cando xa o fenómeno non ten volta atrás, e mesmo nalgúns pobos non hai nin tan sequera un caixeiro –aínda que para moitos dos nosos avós resulta un galimatías inintelixible–, ante o clamor popular e a campaña desenvolvida por un xubilado de oitenta anos, que en tan so uns días recolleu máis de seiscentas mil firmas que presentar no Congreso dos Deputados, baixo o lema Soy mayor no idiota, os nosos políticos danse conta de que aí se agochan votos, nada menos que seiscentos mil, pero que detrás hai moitos, moitísimos máis, porque estamos a facer un país de vellos, pensionistas e xubilados, que non entenden os sistemas modernos electrónicos, nin as trabas bancarias que hai que superar para manexar e controlar o que é teu, a túa conta e os teus cartos con normalidade e dignidade, e, nun visto e non visto, todos eles se apuntan ao carro de que xa se van tomar medias, ou se están a tomar, para solucionar o tema.

Da noxo escoitar aos presidentes de dúas das máis grandes corporacións bancarias, con beneficios de escándalo, falar de que se están elaborando plans específicos, porque é un tema que lles ocupa e preocupa. E non digamos da Sra. Ministra, que anuncia que xa neste mesmo mes de febreiro se van adoptar as medidas oportunas para que o tema entre en vías de solución.

Ver para crer. Cemento e formigón armado, oiga! Pola miña parte, voulles recordar o eslogan que está a arrasar: Somos maiores, non somos idiotas! Aínda que eles pensan o contrario. Seino, si.