Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

A edición como responsabilidade

Diciamos hai pouco que cada vez hai máis libros e revistas pero cada xeneración soamente aporta un número fixo, máis ben limitado, de lectores. Como consecuencia deste desequilibrio aumentan as dificultades para que cada lector atope o seu libro. A responsabilidade deste desencontro preocupante está repartida nomeadamente entre editores, ensinantes, libreiros e bibliotecarios. A cultura do libro, linguaxe por excelencia do saber e da comunicación, ben merece unhas reflexións ao respecto. E compre comezar polo editor, responsable da transformación dun texto en libro. Esta transformación supón a selección previa de obra, consideración da oportunidade e relevancia do autor elixido, tirada da edición, elección de tipos, deseño, encadernación, etc. Pero esta tarefa visible non debe ocultar as responsabilidades éticas, morais e políticas que comportan o traballo do editor e que deberían responder a preguntas como para quen se edita e para que sociedade e intereses se fai. Non está lonxe desta concepción Millares Carlo, autoridade indiscutible no tema, para quen o editor sería unha persoa que con criterios filolóxicos e con fins de depuración crítica publica obras de importancia para a historia da cultura, definición que comporta unha responsabilidade ética moi alonxada da visión frívola e bohemia que se nos quere transmitir desde determinadas instancias.

O criterio fundamental no que se debe asentar o traballo dun editor responsable é que todo libro editado conduce a un catálogo, consecuencia e froito dunha orde mental e conceptual previamente considerada e debatida. Xa que logo o libro que non ocupe un lugar nese proxecto que é o catálogo, é unha claudicación do editor tal como apuntaba Juan José Arreola. Todo libro conduce, debe conducir a un catálogo, conxunto de coleccións, temas, xéneros que poñen orde e son tamén un pacto das lealtades sociais da empresa. Estes principios deben conxugarse coa faceta económica que debe garantir a supervivencia do proxecto, dialéctica entre cuantía e valía que apuntaba Luís Seoane. Esta circunstancia xustifica a presenza nos catálogos de distintos tipos de obras: unhas de tipo fácil, que non de baixa calidade, consumista, coxuntural e vocación efémera que deben convivir con obras máis complexas, clásicas, de publicacións atemporais e permanentes. Ningún lector debe ser postergado. De calquera xeito, o catálogo debe proporcionar á empresa unha porcentaxe de reedicións aceptable, criterio que sempre diferencia proxectos estables de aventuras editoriais. A reedición é un indicio inequívoco de supervivencia da mesma maneira que a relectura adoita ser acreditación do bo lector.

"Urxe suprimir a edición institucional que busca únicamente a lexitimación dun discurso ideolóxico parcial"

decoration

Con estas premisas estariamos no camiño dunha empresa editorial de futuro. Quedan alomenos dúas precisións complementarias: urxe suprimir a edición institucional sexa de tipo académico, relixioso ou político que busca únicamente a lexitimación dun discurso ideolóxico parcial alonxado de calquera política democrática. Os almacéns das editoriais, auténtica base de datos dos proxectos editoriais, deberían ser de acceso público para poder comprobar os excesos e miserias do mundo da edición. Cada vez son menos as editoriais que se atreven a proporcionar un dato que debería ser de obriga como é facilitar o número de exemplares de cada tirada. Sería importante como dato fiscal, como dato valorativo de autores e obras e como dato para aquilatar a lectura e estima social da mesma.

Imprescindible, como complemento, deseñar unha política da tradución, que debería ocupar alomenos a mitade dos títulos dos catálogos editoriais galegos. As traducións multiplican as lecturas e achegan ese sentimento de expansión xeográfica que gratifica como conquista intelectual do lector. Se a esto engadimos unha reorganización da política dos premios, excesivos e mediatizados por editoriais e institucións con intereses ideolóxicos, estaríamos no camiño dunha renovación necesaria.

Compartir el artículo

stats