Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Política española, temporada 16, capítulo 21

Unha das miñas series favoritas dos últimos tempos é Sucession, esa da que todo o mundo fala ultimamente. Poden vela en HBO e relata as reviravoltas dunha familia de empresarios do mundo dos medios de comunicación e do entretemento. Son multimillonarios, claro. As vidas dos personaxes pegan un acelerón cando chegan os problemas de saúde de Logan Roy, o pai e principal dono do imperio familiar, e necesitan buscar un relevo. Falar de series favoritas lévame directa a The Marvelous Mrs. Maisel, unha comedia deliciosa ambientada a finais dos anos 50 en New York. Narra o cambio de vida da súa protagonista, Miriam Maisel, cando descobre o talento que ten para o humor. O 18 deste mes Amazon Prime Video estrea a cuarta temporada e eu vou descontando os días un a un. Mais se de verdade hai unha serie á que me enganchei e da que me declaro fiel seguidora é a serie “Política Española”. Con tantos personaxes e tramas cruzadas non é fácil escoller o punto de partida.

Aínda non nos recuperáramos do sucedido no Benidorm Fest e a súa filosofía encuberta á hora de facer a escolla para a canción que vai competir en Eurovisión “todo para o pobo mais sen o pobo”, cando o Congreso dos Deputados centrou a atención mediática. Apróbase a reforma laboral por un só voto (175 a favor e 174 en contra), grazas a un (suposto) erro dun deputado do PP que vota de xeito telemático amparando o decreto. A isto hai que sumar a iniciativa dos dous deputados de UPN, Sergio Sayas e Carlos García Adanero, que decidiron votar en contra da reforma laboral, rompendo a disciplina de partido. Os dous deputados xustifícanse alegando que “o seu electorado non entenderá que se lle dea ás a un presidente que ten a Bildu como socio”. Mais resulta que Bildu xa anunciara semanas atrás que ía votar en contra se a reforma non recuperaba a indemnización por despido de 45 días por ano traballado. Estando as cousas neste punto da trama, podemos dicir que os deputados de UPN decidiron ir en contra de Bildu, votando o mesmo ca Bildu. Se isto non é unha comedia, paréceo. Oxalá Miriam Maisel escriba un monólogo con este material.

Pola súa banda, UPN acordou a expulsión dos dous deputados, que se negaron a entregar as súas actas, consolidando o seu papel protagonista nesta temporada. Mais volvamos a Alberto Casero, o deputado do PP que votou a favor da reforma laboral por erro. O seu partido solicitou enmendar a confusión de Casero, que pulsou “si” en lugar de “non”, apelando a un “erro informático” mais non foi posible. Pablo Casado cualificou o sucedido de “fraude democrático” e a opinión pública ferveu ante esta sucesión de delirios.

E, falando de reforma laboral e dos 45 días de indemnización por ano traballado que demandaba Bildu, non podo obviar a aparición estelar dentro deste elenco de Albert Rivera. Desde a retirada de Ciudadanos traballaba no despacho de avogados Martínez-Echevarría. Acaba de cesar a súa relación con esta empresa porque “a súa produtividade estaba alcanzando niveis preocupantes”. O magnífico xiro de guión vén dado porque reclama o seu salario ata o ano 2025 e estuda a posibilidade de engadir tamén danos morais cando el, na época en que lideraba Ciudadanos, intentou sacar adiante unha reforma laboral onde rebaixaba o despido de 33 a 20 días por ano traballado. Logan Roy aplaudiría a Rivera.

Mentres escribo isto escoito estoupar os flocos de millo na cociña, que é o que corresponde para seguir vendo capítulos.

Compartir el artículo

stats