Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

“Morreu o compañeiro Xosé Velo”

“Recibimos a noticia da morte de Xosé Velo Mosquera, ocorrida en São Paulo, lugar onde se achaba exiliado. Xosé Velo naceu en Celanova en 1916. Militante da Federación de Mocedades Galeguistas, foi o seu último presidente e o representante (con Galán, da Coruña) da liña esquerdista. Nos anos cuarenta organizou un grupo de resistencia popular en Vigo, de dirección galeguista e colaborando con outras forzas. Foi detido e barbaramente torturado pola BPS, e encarcerado. Acadada a libertade condicional, fuxiu clandestinamente a Caracas. Alí xunto co comandante Sotomayor fundou o DRIL(Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) co cal participou no asalto ao trasatlántico Santa Maria, iniciando un tipo de operación espectacular de comando que combinada coa loita de masas, constituiría unha importante aportación técnica á Revolución. Expulsado de Venezuela, pasou os derradeiros anos no Brasil conectado intimamente co movemento nacional-popular de Galicia”.

Co mesmo título que leva a nosa columna, esta nota necrolóxica imprimiuse clandestinamente no número 22 de “Terra e Tempo, voceiro da Unión do Pobo Galego (UPG)” correspondente a marzo de 1972. No presente ano 2022 cúmprense 50 da morte de quen foi poeta, revolucionario e patriota galego. Velo nacera alí onde o mundo se chama Celanova. Parece ser que non exerceu de presidente, senón de secretario xeral da FMG (ou FMNG). Acompañárono na derradeira xunta directiva da organización compañeiros da corrente máis arredista e de esquerda tales coma Remixio González Gándara, Celso Emilio e Xosé Nogueiras. Así, a organización galega das Mocedades nacionalistas foi dirixida dende un local da Praza de Celanova que defrontaba a mole do convento e non lle permitía esquencer o pasado aos xoves militantes. Sinalemos que o DRIL foi unha formación que contradicía frontalmente as políticas carrillistas do PCE. A publicación da noticia da morte de Velo ocorreu no inicio das mobilizacións obreiras do eixo Vigo-Ferrol que transformaron as mentalidades en Galicia. O DRIL era (insistamos) antitético da solución monárquica ao franquismo que en España gañaba adeptos nas camadas medias e que triunfou na chamada Reforma. O asalto ao barco portugués Santa Maria quixo denunciar conxuntamente os fascismos de Salazar e Franco. O asasinato do xeneral portugués Humberto Delgado en territorio español de Badajoz foi a resposta a tal atrevemento. Coido que Antonio Piñeiro, Xosé González Martínez, Aser Álvarez, X. Pérez Leira e outros poderán incrementar o coñecemento daquela zona da historia de Galicia e da Península Ibérica na cal Xosé Velo brilla coma personaxe central.

Compartir el artículo

stats