Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De bolina

Xosé Ramón Pena

Xogando ao Risk na fronteira

“Gran Bretaña –e onde tal reza coido que poden poñer Vdes., á súa vez, o topónimo que lles pareza oportuno– debería manterse á marxe da desputa fronteiriza de Rusia con Ucraína”.

Quen de xeito tan contundente así se manifesta non resulta ser, desde logo, o responsable destas crónicas semanais. Pero tampouco se trata de ningunha sorte de ministro “podemita” –ou como queira que deveña o seu equivalente por terras da Gran Bretaña–, calquera infiltrado probolxevique de garda ou asalariado do ouro de Moscovo (ou doutro metal co que o Kremlin ande a pagarlles aos seus propagandistas e/ou toupeiras). Pois non señor; a frase procede, nin máis nin menos, que da autoría de Simón Jenkins, leal súbdito da Súa Graciosa Maxestade, Cabaleiro do Reino Unido e columnista nas páxinas do moi sólido “The Guardian". Xa que logo, e sempre segundo Mr. Jenkins, unha vez que “Putin nunca manifestou o máis mínimo desexo de invadir, danar ou interromper o comercio co Reino Unido e mais os Estados Unidos” (e de novo dispoñan os, sempre moi amables, lectores os topónimos ad hoc), “as desputas fronteirizas de Rusia cos seus veciños nada teñen que ver coa Gran Bretaña (nin co resto de Occidente...) Non se trata do noso negocio”. Velaí, daquela, a substancia da argumentación do analista británico, pero... de veras que non constitúe, o affaire, xustamente iso mesmo: un “negocio noso”?    

Vencedora en 1991 da III Guerra Mundial –é dicir, da mal chamada “Guerra Fría”, a pouco que pensemos en Corea ou no Vietnam–, a OTAN (c’est-a-dire, les États Unis, dito/escrito en gaullista) non foi reparar o máis mínimo en ampliar as súas fronteiras cara o leste sen atender en ningún momento non só as súplicas dos moderados (e humillados) rusos senón tan sequera a daqueles que en Occidente predicaban un pouco de prudencia e de “por favor”. Deste xeito, e se non fose porque esa mesma prédica –a da mesura– determinou, ao cabo, que Alemaña e Francia declarasen a súa oposición, Xeorxia e Ucraína (e aínda algúns máis) terían entrado xa a formar parte da referida alianza militar. Canto ao aconteceu no resto do planeta, velaí a desfeita, si ou tamén, de todos aqueles estados que no pasado mantiveran algunha sorte de alianza, convenio..., simple benevolencia con respecto á, desaparecida, Unión Soviética. Como ben escribira o clásico, Vae victis.

Mais acontece que os recursos de Rusia se non infinitos, si que aínda dan para unha ben longa xeira. E eis que en 1999 Vladímir Putin –quen nunca ocultou que, na súa estima, a desaparición da URSS (é dicir, non da URSS como estado comunista, pero si como estado) veu conformar unha verdadeira desgraza– decidiuse pola reconstrución da “nosa patria sagrada (...), inimitable e protexida por Deus”, tal e como declara o himno nacional, e, desde aí, pola procura de adquirir un espazo de influencia no cal os occidentais non fosen poñer as súas mans.

“Semella que acaso unha das posibles saídas da crise consista na finlandización de Ucraína”

decoration

Se un repasa nestes días aquilo que destacan, opinan... destacados especialistas na materia, acontece que xorden decote as (supostas) analoxías co sucedido durante aqueles trece días do outono de 1962 con respecto da Cuba castrista e mais a celebérrima “crise dos mísiles”. Porén, xa postos na tarefa, outros exemplos acoden aínda desde as páxinas da historia: por exemplo, o ultimato austro-húngaro a Serbia en 1914 ou, asemade en terras balcánicas, esoutras desputas en Bosnia ou Kosovo. En todos os casos referidos –e de aí o perigoso da situación actual– os xogos de Risk na fronteira acabaron pintando bastos. E é que sabido resulta que somos donos dos nosos silencios pero escravos das nosas palabras e, xa non digamos, dos nosos feitos.

Con certeza, doutores ten a Igrexa e diplomáticos a Casa Branca e mais o Kremlin. Agora ben; tal semella que unha saída razoable da crise actual podería consistir nunha “finlandización” de Ucraína (e doutros posibles territorios conflictivos) a cambio dunha retirada das tropas rusas da fronteira e mais o compromiso por parte de Moscovo de non apoiar directamente os movementos secesionistas prorrusos na rexión de Donbas. E verdade é que Ucraína constitúe un estado soberano e independente, pero non menos certo devén que o pacto de liñas vermellas a respectar está na clave da seguridade colectiva, incluída, nin que dicir ten, a dos propios ucraínos.

En fin, eu non sei Vdes.: pero, na miña experiencia para xogar ao Risk, mesmo na comodidade dun salón, hai que estar moi certos dos nervios alleos e aínda dos propios. Ah!, e algo de comer e beber (de calidade) sempre próximos.

Compartir el artículo

stats