Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Grafomanía e lectura

A prensa interésase diariamente polos actos sociais da vida literaria pero a literatura é outra cousa e ten lugar exclusivamente no diálogo, na conversación do lector co libro. Os responsables de fomentar este difícil encontro, de botar leña ao lume da conversación son os escritores, editores, libreiros e bibliotecarios nomeadamente, que esquecen con frecuencia aos lectores. Unha das causas que impiden ou dificultan que cada libro atope o seu lector e que cada lector atope o seu libro é a excesiva oferta, os demasiados libros tal como ten explicado Gabriel Zaid, mestre indiscutible no mundo da edición.

Nun primeiro momento as esperanzas de aumentar e cualificar lectores descansaban no acceso de todas as clases sociales ao ensino superior e o achegamento do libro ao público mediante un sistema de servizos públicos a través dunha equilibrada rede de bibliotecas. Moitos países, Galicia tamén, acadaron estes obxectivos pero o único que conseguiron foi aumentar o número de escritores pero non aumentaron nin formaron mellores lectores. Segue a grafomanía a producir inflación e turbulencias no mercado do libro.

Abonda con dicir que no mundo publícanse uns 2.250.000 títulos cada ano, que van ao encontro do lector. Se agora consideramos que un lector medio aceptable é o que le dous libros semanais, esto supón que lerá anualmente 96 libros. Un cálculo elemental apunta que para ler 5.000 libros, este lector necesitará 52 anos da súa vida lectora. Se deixamos a referencia mundial e nos situamos en Galicia, este mesmo lector medio de dous libros semanais necesitaría 5 anos para poder ler soamente os libros de literatura, non todos, que se publican en Galicia nun ano. O cálculo está feito sobre as estadísticas de 2017 no que se editaron un total de 1.496 títulos dos que un 40% eran de literatura. En Galicia fállanse aproximadamente uns 35 premios literarios cada ano nos distintos xéneros. Tendo en conta que dalgúns certames publícanse tamén os finalistas, o resultado son aproximadamente 45 libros que saen na procura de lectores. Ese noso lector medio de dous libros semanais necesitaría case medio ano para lelos todos. En definitiva, un octoxenario cunha aceptable media de anos lectores de 60, non daría lido máis de seis mil libros. Lendo un libro semanal necesitaríamos 80 anos lectores para acadar a cifra de cinco mil libros. De tal xeito que os que de maneira fachendosa confesan ter unha biblioteca persoal de vinte ou trinta mil libros na mayoría das veces trátase de bibliómanos, que non bibliófilos que é outra categoría. Con razón se ten dito que ter á vista libros non lidos e mostralos, moi propio de coleccionistas, é un fraude para as visitas.

De aquí a decepción que produce, cando chegan certas datas celebratorias, ver o libro convertido nun produto comercial máis, publicitado entre chourizos e xamóns, turróns, perfumes e roupa interior. Cousificado deste xeito e convertido en produto de supermercado semella unha árbore innominada que forma parte dunha paisaxe boscosa. Deixa así de ser o libro un obxecto familiar, íntimo, evocador, agradable ao tacto, armonioso visualmente a medida que percorremos as distintas partes do mesmo. Esta consideración de mercancía e distanciamento provoca, entre outros efectos nocivos, que ata un bo número de escritores, e lectores, descoñezan as partes do libro e confundan sen pudor a cuberta coa portada, os folios coas páxinas e non saiban diferenciar unha didona dunha futura. Que diríamos dun mariñeiro que confunde babor con estribor e popa con proa?

Compartir el artículo

stats