Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

O heroe Djokovic

O pasado luns, Novak Djokovic foi recibido no aeroporto de Belgrado por unha multitude que arroupou a súa chegada con cánticos, aplausos e bandeiras. Centos de persoas agardaban por el para manifestarlle o seu apoio, despois de que as autoridades australianas decidisen retirarlle o visado e expulsalo de Australia. O argumento é que o tenista non cumpría cos requisitos de entrada a Australia, que estableceu unhas medidas estritas baixo a estratexia “cero COVID”. O tenista viaxara ao país para defender o título de campión do Aberto. Se nos remontamos a abril de 2021, xa daquela o tenista fixo unhas declaracións controvertidas: “estou en contra da vacinación e máis se me obrigan a facelo”. Días despois, matizou estas palabras, alegando que foran sacadas de contexto. Mais a polémica xa estaba servida. No mes de xuño celebrouse o Adria Tour, organizado polo propio Djokovic, onde participaron grandes figuras do tenis. Este torneo foi moi comentado, despois de que saíran á luz pública unha serie de fotografías onde os tenistas estaban de festa, sen as medidas de prevención que require a pandemia. Ao cabo duns días, o tenista deu a nova de que era positivo en COVID a través das súas redes sociais, e pediu desculpas logo de expresar que pensaba que o seu torneo cumpría cos protocolos de saúde. Nos meses seguintes a evolución da pandemia provocou que a organización do Aberto de Australia decidise que os deportistas tivesen que pasar unha corentena obrigatoria de 14 días nos seus hoteis, medida que foi criticada por varios tenistas. Djokovic deixou caer que non sabía se ía participar no torneo, insinuando que talvez outros deportistas seguisen os seus pasos, e non quixo responder cando se lle preguntou se estaba vacinado. O 16 de decembro, tal e como afirman os seus avogados, o tenista volve dar positivo en COVID, tras un partido da Euroliga de baloncesto ao que asistiu de público. Nos días seguintes, acode a diferentes actos (entregas de premios, unha presentación dun selo coa súa cara e un debate cun adestrador de baloncesto), onde se fotografa con nenos sen máscara. O día 18 concede unha entrevista a un xornal francés. O xornalista recibe instrucións de non formular preguntas sobre a vacina. O desenlace desta cronoloxía sucede en xaneiro: o día 4 o tenista anuncia que viaxará a Australia cunha exención médica, malia non ter a vacina contra a COVID-19, e o 5 é cando se produce a súa detención, xusto na súa chegada ao país. O pai de Djokovic fixo unhas declaracións non exentas de polémica, comparando ao seu fillo con Xesús Cristo e afirmando que era “O Espartaco do Mundo Libre”.

Mais volvamos a esa multitude que recibiu a Djokovic no aeroporto de Belgrado. Pregúntome que move a todas esas persoas. Impresióname que vexan na figura de Djokovic a dun heroe. Un heroe que non entende de protocolos, nin de normas, nunha situación tan delicada como a que estamos a vivir. Un heroe que esquiva preguntas incómodas coa mesma naturalidade coa que consegue un set.

Compartir el artículo

stats