Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Afonso X en Alcanate

Como sen dúbida han de coñecer bastantes/moitos dos, sempre moi amables, lectores destas crónicas, o pasado 23 de novembro fóronse cumprir 800 anos do nacemento de Afonso X, o único rei da historia peninsular coñecido como “o Sabio”: sobrenome ben merecido, de certo, por quen resulta ser o responsable de obras como as “Sete Partidas”, a “General estoria” ou, desde logo, as imprescindibles “Cantigas de Santa María.”

Veu –e/ou vén– sendo un lugar común resaltar, subliñar..., mesmo acudindo ao ditirambo, a xenerosa tolerancia do monarca en relación a hebreos e musulmáns, aos cales foi asociar nas súas numerosas empresas, e máis singularmente á Escola de Tradutores de Toledo, transformando a capital do Texo nunha sorte de “crisol das tres culturas” que daquela asentaban en terras hispánicas. E, en efecto, os nomes de Xudá ben Mosé, Isaac ben Sid ou Bernardo “o Arábigo” dan boa noticia dese proceder por máis, iso si, que en datas recentes algún especialista –tal vén ser o caso do profesor Julio César Santoyo– puxese en causa a existencia da dita escola como tal.

Porén, e en todo caso, acontece que unha cousa é que aceptemos esa, digamos, liberalidade por parte do rei “de Castela, León e Compostela” cando se trataba de artellar determinadas producións e outra, ben diferente, considerarmos que a súa política cara ao conxunto da poboación hebrea e, sobre todo, musulmá viñese caracterizarse por ese mesmo desprendemento. Pois ben; contando coa licenza de Vdes., direilles que hai xa cousa de dezasete anos o autor destas liñas presentou no transcurso do XI Congreso Internacional da Asociación Hispánica de Literatura Medieval un relatorio titulado “De Alcanate a Santa María do Porto: algunhas reflexións acerca da ‘fronteira’ nas Cantigas de Santa María.” Outra vez coa súa licenza, quixera, daquela, volver brevemente hoxe a algún apartado do mesmo.

Entre 1224 e 1248 –data da toma da capital andaluza– Fernando III levou a cabo a “reconquista” da Andalucía bética (Andúxar, Xaén, Córdoba... e a mencionada Sevilla), impoñendo, ademais, unha sorte de protectorado sobre a bisbarra Xerez-Cádiz. Tras semellante xeira triunfal, o seu fillo Afonso X veuse na necesidade de repoboar e consolidar a reorganización daqueles novos, e amplos, espazos nos cales –especialmente no eido rural– continuaba a habitar unha numerosa poboación musulmá, de fidelidade discutible, cuxas prerrogativas foran respectados até a data polos soberanos cristiáns.Alén diso, emigradas as elites islámicas para Granada, ese reino e mais o perigo dunha nova invasión desde África deseñánbanse no horizonte.

“As Cantigas de Santa María conforman asemade un obxecto de prestixio e de propaganda política”

decoration

Un dos lugares máis estratéxicos para alicerzar as conquistas viña ser a vila de Alcanate, situada próxima á desembocadura do río Guadalete. Ao longo dun conxunto de vinte e catro composicións –a constituíren, entón, todo un pequeno cancioneiro– incluídas nas “Cantigas de Santa María”, imos asistir, daquela, a toda unha declaración de especial afecto por parte do Rei Sabio verbo dese lugar que pasaría a denominarse Puerto de Santa María e cuxa toma e cristianización aparece explicada de xeito milagreiro na composición que leva o número 328 dentro do conxunto mariano.

O argumento da mesma vén ser o seguinte: o “alguazil mouro de Xerez” acode diante de Afonso X para queixarse de que os novos poboadores, cristiáns, de Alcanate andan a teimar en modificar dito toponónimo para esoutro de “Santa María do Porto”, esixindo do monarca, quen nun principio se mostra receptivo diante de semellante demanda, un castigo para tal proceder. Mais velaí que a propia Virxe se lle aparece en soños ao mandatario musulmán, ameazándoo moi gravemente toda vez que xa Ela mesma decidira que Alcanate tiña de converterse, si ou tamén, nun territorio cristián. A fume de carozo, o coitado alguacil volve acudir onde o monarca para pregarlle desta vez que “tomase, sen demora, o lugar para os cristiáns” e que este pase a denominarse, efectivamente, “Santa María do Porto”, tal e como figura nas CSM.

Así, moi lonxe de explicar o realmente acontecido –é dicir, a cristianización forzosa de Alcanate e da Andalucía bética–, Afonso X vénse ocultar tras do “pano” milagreiro da obediencia diante dunha orde sobrenatural. Ou o que resulta o mesmo:xa non se trataba, entón, de executar sen máis o que hoxe poderíamos cualificar como limpeza étnica senón de respectar, bo crente, un mandato divino. En fin; para alén do seu indubidable valor como obxecto de cultura, acontece que as Cantigas se conforman asemade –e non só polo episodio que vimos de referir– como un verdadeiro elemento de propaganda e de prestixio, como unha arma política en mans do monarca.

Compartir el artículo

stats