Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Dinosaurio

“Dunha vez era unha marquesa que tiña tres fillas e as meteu en tres botixas e as tapou con pez. Queres que cho conte outra vez?”. Véxome a min mesmo en estado de conciencia anterior ao uso de razón que o catolicismo situaba nos sete anos de idade. Algún adulto intentaba liberarse da insistencia dun fato de meniños que reclamaban outro conto máis no escano dun lar ou nas beiras dunha cociña Bilbao. Isto debeu de ocorrer en Ourense ou en Vilanova dos Infantes, anos coma area antes de Augusto Monterroso notar que aquel dinosaurio aínda estaba alí. Os cativos pediamoslle máis contos a Fría Hortensia e ela botábanos de onda o lume co relato inagardado co cal eu inicio esta bagatela agora.

Hai outros contos semellantes, minúsculos e abertos, no pozo piago da nosa fábula tradicional. Esta historia da marquesa cruel e das súas fillas engarrafadas nunca me marchou das partes neboentas da reminiscencia. Nin tampouco se me deron ido o crime familiar que se evoca no relato abortado, o absurdo da ausencia de móbil, a impunidade da nai asasina e o hieratismo formal que a condición aristocrática introduce no acontecemento mítico cuxo desenlace permanecerá eternamente oculto. Tanto é así, que no inverno da miña vida, este conto de tres fillas e unha marquesa aínda pode aflorar ás veces nas miñas divagacións. J. Leite de Vasconcellos recolleu dos beizos de veciños das Ellas este relato, do cal se fai eco Paulo C. Soromenho, editor dos Contos populares e lendas (Coimbra, 1964) do mestre da lingüística, da historia e da cultura popular portuguesa.

“Hai algunha xente que hoxe quere meter na botixa e selar con pez a lingua galega”

decoration

Como han de lembrar os lectores, Trebello, Valverde do Fresno e as Ellas (en castelán oficial, Trebejo, Valverde del Fresno e Eljas) son pobos e municipios da provincia de Cáceres onde pervive unha lingua galega dialectal e fortemente caracterizada. O feito de que se trata, aprendido de cor por min de neno, en Ourense ou Vilanova, fose recolleito nas Ellas coa mesma estructura e case coas mesmas verbas con que chegou a min, faime acordante dalgo. Hai algunha xente que hoxe quere meter na botixa e selar con pez a lingua galega que está viva na bela “Mesopotamia” que fan os ríos Eo e Navia, nas Frieiras da provincia de Zamora que non son Seabra e tamén na bisbarra da Sierra de Gata onde se encontran as Ellas. Si, hai xente aquí e acolá, inimiga da oficialidade do galego exterior á actual Galicia autonómica. O animal antediluviano aínda está aí.

Compartir el artículo

stats