Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Unha defensa incompleta e necesaria: o galego de Asturias

A noticia dun recente informe da RAG sobre o galego falado en Asturias levou aos medios de comunicación o sempre difícil problema que presentan as linguas de fronteira. Durante a etapa presidencial de Barreiro (2002-2010) cando a RAG tiña que tratar un problema de natureza complexa adoitaba crearse unha comisión plural no seo da institución que discutía a cuestión para posteriormente ser aprobada no plenario. Últimamente, despois de Ferrín, adoita a RAG encargar a redacción a un especialista abondando na idea, neste caso, de que a lingua é cousa exclusiva de lingüistas. O resultado final é un informe lingüístico que renuncia a contemplar o problema desde as diferentes ópticas que o asunto require. Soamente desde unha perspectiva humanística que contempla os espazos culturais de forma interdisciplinar -xeografía, historia, etnografía, socioloxía, arte, costumes, lendas e bioloxía- se poden acadar as marcas da cultura galaica en Asturias. O idioma non chegou ao territorio do Eo-Navia levado polas aves e paxariños. Non abondan os argumentos lingüísticos para contrarrestar a tese dos filólogos que cualifican ese espazo como “lingua de transición”. Porque o informe da RAG malia a súa coherencia lingüística insiste nomeadamente nun enfoque onomasiolóxico, centrado na glotonomía e na autoglotonomía, sempre permeable a presións políticas e de parte, limitándose polo que respecta á cuestión propiamente científica, semasiolóxica, a dicir que a consideración xeral entre os lingüistas é que as falas do Eo-Navia son unha variedade do galego. A proba definitiva e máis contundente é, según o informe, que o Atlas Lingüístico Galego “mostra que as falas de Asturias estremeiras con Galicia presentan máis trazos clasificables como galegos (galego-portugueses) que como asturianos (astur-leoneses).” Sorprende, por exemplo, que non se teña mencionada a autoridade do máis teimoso defensor da cultura galega en Asturias, a que representa o expresidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín. Toda a súa obra- literaria, ensaística ou periodística- responde a unha estratexia para narrar a nación de maneira ordenada e coherente. 

Esta idea axial xenerou ducias de artigos de Ferrín de moi variada temática co obxectivo de perfilar unha nova cartografía de Galicia onde se trata o tema que nos ocupa. 

Esta nova cartografía inclúe, naturalmente, a Galicia asturiana, antre o Eo e o Navia, cos seus 18 concellos e 40.000 falantes aproximadamente, sen esquecer a reivindicación do ensino, atención aos seus defensores, revistas, asociacións como Abertal etc. Incomprensible prescindir dos testemuños e escritos dun expresidente como Ferrín, símbolo inevitable da nosa cultura. Mágoa.

A esta clamorosa ausencia no informe temos que engadir outra dimensión do problema como é a natureza do discurso de presentación ás autoridades políticas do Principado, a diplomacia persuasiva empregada. Coido que non se acertou en ningún destes problemas e menos aínda na presentación aos medios de comunicación onde non se respectou un mínimo protocolo de recepción. 

Tamén se está a sinalar e debater a incoherencia dunha institución que reclama protección para a lingua galega en Asturias mentres convive en feliz contubernio coa Xunta de Galicia esquecendo aquelas dignas palabras que o presidente Barreiro dedicou ao presidente da Xunta en 2010 despois do malfadado decreto 79/2010 de 20 de maio:

“Se eu fose prudente, señor presidente, calaría aquí, pero a Real Academia Galega non pode ficar en silencio nin mirar para outro lado, cando se toman decisións e se arman Decretos que atinxen á Lingua ás súas costas … “. Palabras recibidas con entusiasmo polo público asistente posto en pé e que marcaban un camiño que non se quere seguir actualmente en detrimento dunha auctoritas necesaria.

*Numerario da RAG

Compartir el artículo

stats