Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xoán Manuel Estévez Freijeiro

Folk urbano: Tanxugueiras

Recordo unha conversa informal co veterano músico Pancho Álvarez, na que falabamos da permanencia da música folk galega entre as opcións que o afeizoado contemplaba no noso País : A música de raíz non desaparecerá, pode que sí deixe de existir no ámeto rural pero non no urbano , afirmaba categórico o músico porriñés. E reparei na seguridade coa que se manifestaba, pois Pancho, coñecido polo seu pasado no inesquecible grupo Na Lúa, xa comezara a súa andaina como músico en solitario á par que integrante da banda que acompaña a Carlos Núñez. A referida conversa recorda unha entrevista colectiva realizada precisamente á súa anterior formación -1985 -, na que os músicos de Na Lúa comentaban : o reggae, que xurde en Jamaica é electrificado ao chegar a Londres. Algo semellante manifestou o cantautor portugués Fausto a respecto da música das antigas colonias lusitanas : Recordo que cando vivín en África, a finais dos anos cincuenta, xa se facía música de raíz africana con guitarras eléctricas dunha maneira vital, dicíase “isto toca” e tocaban.

Daquela, na creatividade dos músicos actuais non se dá contradición ningunha entre os termos tradición / modernidade. Abondan exemplos para confirmalo : na súa condición de grupo pioneiro, Milladoiro incluíu a tres pandereteiras do fato Cantigas e Agarimos nalgúns temas do seu disco Galicia no país das maravillas - 1986 -.

Despois viría a descuberta de Leilía , e tras delas unha morea de pandereteiras ata chegar a Tanxugueiras, que confirman a esta altura do calendario a permanencia do binomio rural - urbano, asumido xa como natural no devir da nosa música de raíz. As tres integrantes de Tanxugueiras son cantareiras dunha nova década, en tanto que expoñentes dunha xeración aberta á evolución e á reformulación da música tradicional galega - sic - . Se cadra, é a opción que nos queda se teimamos na pervivencia da nosa esencia ancestral, continuar anovándoa acorde cos tempos que corren.

Coa súa achega, Tanxugueiras consegue confirmar o bo estado do que goza a nosa música folk, xa maior de idade desde hai ben tempo. Así, contemplamos un panorama envexable, tanto pola calidade como pola variedade. Neste amplo abano Milladoiro sería xa a referencia clásica. Berrogüetto foi a opción intermedia e ponte cara a que representa a xeración máis vangardista. A que lle deu un novo pulo nos nomes de Mercedes Peón, Budiño, Baiuca, Tanxugueiras… creadores permeábeis á nosa tradición - e mesmo no caso da primeira coñecedora a fondo - . E acorde con este panorama, observamos que a nosa música máis representativa, de seu de orixe rural, aniña máis doadamente en ámbitos urbanos, entre os que atopa un público máis receptivo. Non é casual que a Escola E - Trad, dirixida por Rodrigo Romaní, este abicada en pleno centro de Vigo e sexa o xerme do que xurde esa formación tan espectacular que é a Orquestra folk SonDeSeu.

*Funcionario público xubilado. Membro dá Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats