Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Non hai fronteiras

A finais deste mes celébrase o Benidorm Fest. As galegas Tanxugueiras competirán para representar a España no próximo Festival de Eurovisión. Entre as catorce participantes terán presenza artistas tan relevantes coma Rigoberta Bandini co tema Ay mamá que, coma sucedeu con Perra ou In Spain We Call it Soledad, entrou de cabeza no mainstream. Tamén participará Javiera Mena, auténtica diva do tecnopop, que triunfou con temas da altura de Flashback ou Otra era. O tema que defende o trío galego titúlase Terra e é unha canción de raíz. A súa lingua é o galego, malia que ao longo do tema tamén teñen presenza o eúscaro, o catalán, o asturiano e o castelán, nunha frase que está chea de significado: “Non hai fronteiras”. Non debese habelas, mais a carreira que emprendeu Tanxugueiras para conseguir a praza para Eurovisión non está exenta de polémica.

Saíron múltiples voces manifestándose en contra de Terra, alegando que é unha canción que non representa o conxunto do Estado español. Non é difícil esmagar este argumento cando estamos diante dunha peza que, precisamente, recolle a diversidade lingüística do Estado. Gustaríame preguntarlle a algunhas desas voces que discrepan, se mostraron a mesma ferocidade cando Rosa, unha artista que daquela presentaba certas dificultades de dicción, cantou Europe’s living a celebration (ano 2002), cando Ruth Lorenzo actuou con Dancing in the rain (ano 2014) ou, viaxando un chisco máis lonxe, ata o ano 1988, cando La Década Prodixiosa defendeu un tema autenticamente español titulado Made in Spain. Tamén resulta contraditorio que expoñan que Tanxugueiras canta música galega e que, como tal, é un xénero que non recolle o espírito de España. Menciono isto porque ninguén cuestiona que Azúcar Moreno tamén estea dentro da competición cun tema chamado Postureo, que podemos adscribir ao flamenco pop e lembra “vagamente” ao Bandido que interpretaron en 1990.

Tanxugueiras defende un tema elegante, que destila forza e emoción. As tres artistas lograron contaxiar o nervio de Terra á sociedade. Nesta liña, a palabra escollida no 2021 na elección popular que cada ano promove “O Portal das Palabras” foi ‘tanxugueiras’. Tal e como explican nesta web, o termo é unha alteración de ‘teixugueira’, un zootopónimo que sinala os lugares onde hai abundancia de teixugos ou porcos teixos. Estou segura de que o pulso das Tanxugueiras seguirá medrando. O xeito de conseguilo é coma ata agora: tocando as súas pandeiretas mentres berran:

Non hai fronteiras

Ez dago mugarik

No hi ha fronteres

Nun hai fronteres

No hay fronteras

Compartir el artículo

stats