Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Miremos para arriba (e para os lados!)

Sen dúbida que han de ser dabondo/(moi) moitos aqueles e aquelas de entre Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais –e que hoxe retornan logo da pequena paréntese de Nadal-Reis; que o 2022 nos traia a todos e a todas moita sáude e boas venturas– os que xa visionaron os fotogramas de Don’t look up (‘No mires arriba’, entre nós), a comedia negra/ciencia ficción dirixida por Adam McKay e protagonizada, entre outros, por Leonardo DiCaprio, Jennifer Laurence, Meryl Streep e Cate Blanchett. E iso porque, mesmo antes que unha produción cinematográfica, Don´t look up, xa con arredor de 111.000 millóns de horas vistas –segundo Netflix; de certo que agora mesmo xa se contabilizan cifras superiores– constitúe un auténtico e rotundo trending topic así no eido das redes sociais como aínda nesoutras en vivo con/sen cuñados á beira. En fin, todo un manancial de dólares, euros, libras esterlinas... a partir do ronsel trazado polo irremediable cometa Dibiasky.

A sátira contra a frivolidade e mais a incapacidade dos políticos –con Donald Trump travestido na presidenta Janie Orlean–; as brincadeiras respecto dos negacionistas, conspiranoicos e argallantes de toda condición; a tolemia das redes sociais; a caricatura de Elon Musk –na fita, Peter Isherwell, dono da compañía tecnolóxica Bash–; o despropósito de determinados medios de comunicación..., incluso as ironías verbo das películas de catástrofes apocalípticas (eis Armaggedon): velaí, segundo os analistas, algunhas das claves (conxuntamente, desde logo, coa profusión de estrelas de Hollywood) que poden explicar o grande éxito de Don’t look up tanto no propio Imperio como aínda nas provincias adxuntas e é que, ao fin e cabo, xa deveñen moito máis próximas a nós as escenas da Guerra de Secesión norteamericana, nordistas e sudistas ás liortas, Ulysses S. Grant e Robert E. Lee en Appomattox que, poño por caso, esoutras dos conflictos Carlistas con Maroto e Espartero a se apertaren nos campos de Bergara. En fin, cousas da gran pantalla e, de paso, dos mil e un sistemas educativos españois a padecermos si ou tamén.

Como doutores ten a Igrexa e críticos de postín o cinema, tampouco vén ser cousa de que un servidor de Vdes. –que non pasa de ser un simple afeccionado ou, poñamos mellor, seareiro da sétima arte– se poña aquí e agora a comentar, debullar polo miúdo os acertos e/ou desacertos que presenta o film. Mais, iso si, en todo caso, relatarlles, con licenza, a seguinte experiencia persoal.

"De certo, precisamos dunha profilaxe eficaz contra aqueles que propician a Apocalipse"

decoration

Por cuestións académico-laborais, andei –nos anos oitenta e noventa do pasado século– por terras suízas. Máis en concreto, fun residir, primeiro, en Xenebra e, máis tarde, no centro da confederación: Lucerna, Zuric, Goldau, Zug... e Altdorf, camiño do lago dos Catro Cantóns; xa saben: Wilhelm (Guillermo, nos nosos relatos xuvenís) Tell e mais a lenda heroica e romántica da frecha que parte limpamente en dúas metades a mazá colocada, a cen pasos de distancia, sobre a cabeza do seu propio fillo. Pois ben; xa en Lucerna xa en Baar tiven a oportunidade de visitar dous refuxios atómicos: un de carácter colectivo e outro apenas familiar. Tratábase, desde logo, de dous recunchos baixo terra equipados con xeneradores, potabilizadores de auga, reservas de medicina, alimentos..., nos cales os (supostos) supervivintes do estoupido nuclear virían estar a salvo do monstruoso fungo e aínda da inmediata chuvia radiactiva. Polo visto, a Confederación Helvética chegou a construír un número tal destes acubillos que ata un 110% –sic– dos suízos e suízas podería acollerse neles. E porén...

Porén, debo confesar que nada máis absurdo me semellou daquela –cousa que reitero hoxe– que pretender continuar vivindo naquela clase de tobos, rateiras inútiles. Porque, para alén dos efectos da propia explosión e demais, alguén sensato desexaría habitar realmente nunha Suíza, nun planeta enteiro post-nuclear? Tan listos e tan parvos, gobernantes, construtores e inquilinos/propietarios dos buratos! Pero sobre todo, tan arrogantes, incapaces de contestaren de veras a maldade, os átomos noxentos do lado escuro.

Chegados ata este punto –e coa experiencia que veño de detallar na memoria–, debo consignar que, na miña estima, o mellor de Don’t look up está, xustamente, no final do film, permanezan Vdes. atentos ata os derradeiros fotogramas. Canto á lección a aprender, é que si que debemos mirar para arriba, desde logo; mais, moi especialmente, atendermos para os lados: a nosa distancia cos idiotas que propician a Apocalipse, todas as apocalipses, conforma unha medida de hixiene primordial, toda unha necesaria profilaxe.

Compartir el artículo

stats