Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Un editorial desconcertante

Apuntaba Méndez Ferrín na presentación na Coruña do número cen da revista “A Trabe de ouro” no ano 2015 que era esta a única publicación periódica que tiña un editorial que, como tal, expresaba a opinión da redacción e marcaba as liñas de futuro. Entendo que o director ao resaltar esta singularidade estaba a presentar a revista como obra colectiva que ve reforzada a súa solidariedade ideolóxica en cada editorial compartido.

Segue hoxe, cando acaba de publicarse o número 118, conservando esta peculiaridade, abrindo o número un longo editorial titulado “50 anos do Instituto da Lingua Galega” ao que queremos referirnos. Non con ánimo de descualificación senón coa intención de sinalar a desafortunada inclusión do mesmo abrindo a revista como editorial cando polas súas características e estrutura é un artigo de opinión que debería ser asinado e incluído como tal na sección que lle corresponda. Facemos estas observacións porque como lectores e colaboradores ocasionais da revista tamén nos sentimos parte integrante da mesma malia que non teñamos nela responsabilidade directa.

Como xénero periodístico de opinión, o artigo pode adoptar as máis variadas formas ata o extremo que numerosos estudosos afirman que hai tantos tipos de artigos como autores. Non obstante o denominado “editorial” ten unhas características inconfundibles a respecto do resto das modalidades posibles porque como texto de carácter argumentativo, habitualmente non asinado, formula unha opinión colectiva en concordancia coa liña ideolóxica do medio ao que representa. Esta circunstancia outorga unha especial responsabilidade aos seus redactores, que non deberían traspasar os códigos éticos e hábitos da publicación que representa. Sorprende, xa a primeira vista, a desmesurada extensión do editorial deste número 118, sete páxinas e unhas 2.500 palabras unha vez restadas as catro liñas dedicadas á morte de Darío X. Cabana. Malia non ter este tipo de escritos unha extensión predeterminada, adoitan todos os anteriores ser breves, rara vez sobrepasaron as 1.000 palabras.

Adoitan tamén os editoriais pronunciarse sobre cuestións de indubidable importancia social que son analizadas cos criterios marcados pola liña da revista trazados ao longo da súa vida pero neste caso trátase dun tema celebratorio, o cincuentenario da fundación do ILG (Instituto da Lingua Galega) un organismo dependente da Universidade de Santiago dedicado ao estudo da lingua galega da mesma maneira que os restantes departamentos das universidades galegas. Non acabamos de percibir a especial relevancia social da efeméride nin a conexión que o editorial pretende establecer entre “A Trabe de Ouro” e o instituto compostelán.

Fronte da maioría dos editoriais anteriores de natureza admonitoria e reflexiva fixando posicións ideolóxicas, o actual é totalmente apoloxético e propagandístico, carente do espírito crítico que sempre predomina na revista e que é a súa bandeira. Malia o aparente ton expositivo, neutro, hai afirmacións tallantes que delatan unha clara intención laudatoria. A un medievalista, sexa historiador, filósofo ou filólogo podemos chamarlle mestre ou sabio e adornalo cos máis respectuosos adxectivos pero referirse a el como “o mellor filólogo medievalista galego” semella máis apropiado dunha crónica de fútbol que dun perfil científico. Desde logo o editorial ten certa estrutura futbolística polo afán de ocupar todo o campo da lingüística onde ata aparecen nimbados once titulares que ocupan determinadas parcelas e uns oito suplentes, posible reforzo en caso de necesidade. O resultado final, rotundo: aprendemos galego coa metodoloxía do ILG, empregamos o léxico recollido e recompilado polo ILG, pronunciamos coa fonética do ILG, conducímonos cun PGS que ten a toponimia do ILG, chamámonos cos nomes e apelidos do ILG e existimos como galegos desde 1971 coma se antes non estivesen Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Manoel Antonio sen que este benemérito instituto certificase a súa existencia. En fin, que o máis preocupante é que detrás deste desmesurado afán de control textual, coa colaboración imprescindible dunha RAG colonizada, albiscamos a escasa circulación de obras e ideas que non encaixan no modelo oficial que propón o ILG.

Compartir el artículo

stats