Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

Apagón en Codeseda

Chegou a hora de entoar o “pobre de min” polo apagado da iluminación do Nadal en Codeseda. Despois dun intenso e marabilloso mes repleto de luces, beléns, actividades, actuacións, algarabía nas rúas ateigadas de xente e, sobre todo, de ilusión, que supuxeron a total dinamización da aldea dende principios de decembro ata ben pasada a festividade dos Reis Magos, cunha masiva asistencia de público, que ciframos en máis de 3.000 persoas, todo volverá a ser como antes, tornando á tristura, á escuridade e á soidade cotiáns de todas as aldeas galegas.

Cabe preguntarse onde está a verdadeira esencia e o inmenso valor do espírito do Nadal, se procede do alborozo e colorido que engalana vilas e cidades ou do sentimento fraternal que emana do máis fondo dos nosos corazóns tan precisados de cariño nestas datas, que debería perdurar os 365 días de cada ano.

Pero o apagado das estrelas tan só foi para dar paso á saída do sol en Codeseda, porque aínda que se apagou a iluminación exterior do lugar, as luces continúan acendidas no corazón dos veciños e forasteiros que tivemos a sorte de vivir ou visitar no tempo do Nadal esta bendita aldea situada no mesmo corazón da Galicia máis auténtica e profunda.

E agora que? Rematado o longo e sacrificado ano 2021, no que sentamos uns sólidos alicerces para mellorar e ampliar a nosa completa oferta cultural e turística, a Casa do Patrón comeza con ánimos renovados o xacobeo 2022, o ano do renacemento e da renovación interior, despois do tremendo rito de paso que significou a pandemia para todos nós, coa ilusión de acometer as tarefas habituais de todo museo no eido da recollida, restauración, estudo e exposición de apeiros, traballos de investigación sobre o patrimonio material e inmaterial galego, as recreacións da malla e a fía tradicionais; as escavacións, mantemento e posta en valor dos xacementos arqueolóxicos da parroquia de Doade; a reedición do rotundo éxito da Aldea no Nadal e a publicación de novos libros e vídeos, como na captación e avelaíña atención dos milleiros de turistas e nenos de colexios galegos que por aquí se acheguen.

Deseñaremos e trataremos de por en marcha novos e singulares proxectos e actividades tendentes á recuperación, conservación e posta en valor da impresionante contorna natural que nos circunda, dunha extraordinaria beleza paisaxística e riqueza medioambiental, a que dedicaremos no sucesivo unha atención prioritaria, dadas as inmensas posibilidades de futuro que lle auguramos neste aspecto ao noso privilexiado territorio.

Completaremos así a construción da infraestrutura etnográfica, arqueolóxica, natural, gastronómica e didáctica única que posúe a día de hoxe o Museo Casa do Patrón, que queremos ver novamente repleto de nenos e maiores, para que continúe a ser por moitos anos o gran ecomuseo do mundo rural galego.

Tan só nos resta agradecer o continuado apoio recibido, tanto das Institucións Públicas (Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Lalín e Universidades) e dos veciños e habitantes da zona, como dos milleiros de persoas que colaboraron dalgún xeito durante os máis dun cuarto de século na execución deste inxente proxecto, e pedirlle a todos os galegos e visitantes da nosa terra que veñan a gozar deste singular destino, o auténtico “ país de nunca xamais” das aldeas galegas, visitando o Museo Etnográfico Casa do Patrón de Lalín, o Castro e as Mámoas de Doade, as nosas rutas de sendeirismo, o lugar de Codeseda e a súa insólita contorna natural, comprobando persoalmente o resultado deste gran soño feito realidade.

*Presidente da Asociación de Amigos da Casa do Patrón

Compartir el artículo

stats