Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Galicia que todos os galegos e galegas queremos

A busca constante da colaboración e o consenso desde o diálogo e a máxima transparencia é a mellor maneira para acadar os obxectivos que unha administración se pode propoñer, é dicir, para gobernar desde a vocación inquebrantable do servizo público e o interese xeral.

Baixo esta premisa estamos traballando desde a Xunta de Galicia, co ánimo de sumar, porque restando nunca se medra nin se pode mirar cara ao futuro. É o que estamos facendo para consolidar un desenvolvemento ordenado do sector eólico; e é o que tamén estamos facendo mediante reunións cos concellos onde se están a tramitar novos proxectos –recentemente, mantivemos un encontro con alcaldes e alcaldesas da provincia de Pontevedra–.

Nos oito primeiros meses do ano pasado, as renovables supuxeron máis das tres cuartas partes do mix enerxético galego, o 76,6% do total segundo Red Eléctrica de España (REE). De feito, na nosa comunidade produciuse un 9,5% máis que no mesmo período de 2020. A que se debe este importante incremento? Fundamentalmente a dúas enerxías limpas como a eólica e a hidráulica.

Sen dúbida, un balance dobremente positivo: por unha banda, sitúa a Galicia como un referente –segunda comunidade autónoma con máis enerxía renovable producida en 2020–; e, por outra, este desenvolvemento eólico realízase desde a compatibilidade coa protección do medio ambiente e coas actividades do sector primario.

Esta é a maneira que entende Galicia de contribuír a unha transición enerxética xusta. Por desgraza, o contexto nacional non axuda de momento a acadar este obxectivo. En España, a subida descontrolada da factura eléctrica dificulta o día a día da economía das familias e pon en perigo a competitividade do tecido empresarial galego, sobre todo das pemes e do colectivo autónomo.

Con todo, Galicia ten claro cal é o camiño a seguir. Por iso, desde o pasado 1 de xaneiro está vixente unha moratoria de ano e medio para tramitar coas máximas garantías os 275 expedientes que hai sobre a mesa. Dito isto, cómpre lanzar unha mensaxe de tranquilidade: tramitar non é autorizar, é cumprir co que marca a lei e dar as máximas garantías técnicas, xurídicas e medioambientais ao proceso.

Mensaxe de tranquilidade que tamén queremos levar a cabo coa nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos rurais, urbanos ou urbanizables, pasando dos 500 metros a cinco veces a altura total do aeroxerador.

E mensaxe de tranquilidade que seguiremos transmitindo aos concellos galegos. O encontro con alcaldes e alcaldesas de Pontevedra non foi unha excepción, todo o contrario: seguiremos en contacto permanente cos gobernos locais porque, como dicía, todas as administracións –e tamén o resto de axentes implicados– debemos estar aquí para sumar, nunca para restar. É o caso das redes de información a nivel provincial que a Xunta de Galicia ten posto en marcha; da guía divulgativa para a tramitación de proxectos eólicos, dispoñible en web; e da Oficina de información a propietarios de terreos, onde se asesora sobre métodos e criterios de valoración, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo.

Galicia seguirá impulsando o desenvolvemento das enerxías renovables, a conservación dos seus espazos naturais e o impulso do medio rural. Esa é a Galicia que todos os galegos e galegas queremos.

*Directora xeral del Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia

Compartir el artículo

stats