Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Libros intonsos

Da mesma maneira que poderiamos dicir que hai libros intensos, hoxe evocaremos os libros intonsos, aqueles que se encadernan sen terlle recortado as barbas dos pregos. Para acceder á súa lectura temos que servirnos dun “abrecartas” ou “cortaplumas”, dous obxectos en desuso que comezan a ser marcados nos dicionarios como venerables arcaísmos por mor do abandono da escritura epistolar e da pluma de ave para escribir. Algunhas editoriais, entre elas a editorial Gredos na súa primeira etapa, presentaban os seus libros deste xeito. Dicían que era por motivos estéticos, emular as edicións antiguas nas que predominaba o acabado rústico, e prácticos, para facilitar unha posible encadernación noble e poder axustala o máis posible. Moitos lectores sospeitaban que era simplemente por aforrar custos, idéntico motivo polo que nos temos atopado con libros intonsos da nosa editorial Nós.

Pero a esta acepción que lle atribúen os dicionarios a “intonso” podemos engadir outras moitas, curiosas e reveladoras do mundo da lectura e do lector, a perspectiva menos tratada pola bibliofilia. En efecto, contamos con maxistrais historias do libro contadas desde o ángulo da producción, da impresión e da edición pero escasea, paradoxalmente, a visión do lector malia as reflexións imprescindibles ao respecto, desde Ovidio, pasando por Maquiavelo, Clarín, Unamuno, Dámaso Alonso, Lázaro Carreter, ata Hipólito Escolar. Sen dúbida que todos temos pasado pola experiencia de abandonar a lectura dalgún libro por moi diversos motivos. E non faltan entre esas experiencias ter atopado libros en bibliotecas pública e en bibliotecas privadas que non foron lidos por ninguén. Aínda sendo un libro intonso a proba máis evidente da súa virxinidade lectora, hai outras moitas evidencias que tamén dan fe do mesmo: follas dunha lisura sospeitosa, lombos sen arrugas, páxinas brillantes sen suliñar etc., etc.

“Nada hai máis desolador que morrer intonso e o noso libro salvouse por pouco”

decoration

Sumamente ilustrativas son algunhas obras que nos relatan estas historias de lectores (e de leedores, que de todo hai) narradas polo propio libro. Tal é o caso do conto de Manuel Mujica Lainez (1910-1984), o home mal acentuado según cualificación propia e amigo de Luís Seoane, titulado “Memorias de Pablo y Virginia” incluido no seu libro Misteriosa Buenos Aires. A identidade confesa do narrador do relato é o propio libro en tradución ao español do abate José Miguel Alea, de Bernardin de Saint-Pierre (1737-1814) Paul et Virginie (1787) sumamente difundido por Sudamérica entre os países que na procura da súa independencia intelectual encontraron na literatura e cultura francesas un camiño alternativo á influencia do país colonizador, España. O libro, que segue cronoloxicamente a súa andaina a través dos diferentes amos que o posúen, comeza confesando a súa grave enfermidade ao lado dun dicionario veciño que teme achegarse a el, que está afectado pola couza dos libros que xa lle están roendo unha páxina determinada. Na súa azarosa vida comezada nunha imprenta de Perpignan, recorre varios países, cruza o Atlántico e acaba posuído por numerosos amos pero soamente un deles, o boticario xiennense Publio Virgilio Muñoz acaba de lelo enteiro. Dos restantes posesores, un adolescente plantouse na páxina 14, leu trece máis que Bonpland,; once máis que Lord Gerald, cinco máis que Graciela e vintecinco menos que Juanita. Con razón o libro, e narrador, acaba recomendando aos compañeiros de balda, orfos de lectores, a compañía de don Publio, o pacífico apotecario de Xaén, lector apracible e paciente. Nada hai máis desolador que morrer intonso e o noso libro salvouse por pouco.

*Académico numerario da RAG

Compartir el artículo

stats