Opinión | Os Camiños da Vida

Trinta anos sen URSS

Levamos moito camiño da vida andado, e agora acórdannos que a URSS foi liquidada formalmente hai trinta anos. O acontecemento formalizouse o 25 de decembro de 1991, e non foi predecido por meigo politólogo ningún. As interpretacións, culminados os feitos, son variadas. O anuncio, para moitos, foi o derrubamento do muro de Berlín. Outros aseguran que a entrada ao poder do católico reaccionario Lech Walesa en Polonia representa o signo dos tempos post-comunistas. E non podemos esquencer aqueles que, no ronsel intelectual de Mao, percibiron a orixe do afundimento do socialismo real moi atrás. Ou sexa canda a consolidación do “novo revisionismo” de Khruxev no cumio do PCUS e na que foi chamada “desestalinización”. Tamén, e coherentemente, tense situado o eurocomunismo occidental entre os factores liquidacionistas do socialismo real de que tratamos.

O caso é que con Gorbachov e máis con Ieltsin, a Rusia post-soviética entrou en caos dexenerativo. Apoiados polos EE UU e dependencia, os contrarrevolucionarios da URSS, Democracias Populares, Iugoslavia, mesmo Albania, foron ocupando os poderes do socialismo real, en non poucos casos practicando o que noutros contextos é chamado separatismo. Así é, naquel turbulento fin de século, máis precisamente en 1989, que Francis Fukuyama chouta á Fama. Este pensador orgánico da burguesía fixo coñecer en todos os continentes a visión utópica dun futuro feliz caracterizado pola desaparición do comunismo. Segundo Fukuyama, nun mundo perfecto, o estado enmagrecido até a caquexia suporía o triunfo do capitalismo en versión neoliberal.

"O que fora imperio belicoso e desafiante está a se bater en retirada elástica máis ou menos indiscreta"

Irak e Libia destruídas polo imperio foron senllos avisos de que a Historia non finalizaba en absoluto. Cuba seguiu o vieiro marcado pola Revolución do 59 e Venezuela insiste na súa propia vía ao socialismo. Así as cousas, a Rusia federal de hoxe reorganízase depois da catástrofe. China non para de medrar sen recurrir ao imperialismo e atura ben as agresións exteriores que pretenden incendiar o país coa mecha islámica e a dinamita neoliberal.

Observamos isto: o que fora imperio belicoso e desafiante está a se bater en retirada elástica máis ou menos indiscreta. Co cal o proxecto político que representa Gabriel Boric en Chile semella ter posibilidades de éxito.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents