Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Nas gabias da historia

Da mesma maneira que a terra deixa constancia, despois de séculos, da súa habitabilidade mediante os regos do arado que a labraron a maneira de cicatrices testemuñais, tamén hai persoas que, como sucos da historia, quedan chantadas na nosa memoria colectiva. Estas persoas, que nos deixaron un ronsel que non acadamos a ler como discurso agardan, sempre silentes, que alguén dea fe da súa presenza no borroso palimpsesto da historia. Porque, como dicía Ferrándiz Alborz, “unha cultura non é soamente o libro que se escribe, o cadro que se pinta, a escultura que se modela, a música que se compón, o fenómeno que se investiga, a clase que se desenvolve. É tamén o campo que se ara, o ferro que se forxa, o motor que se move, etc.”

No epistolario de Rafael Dieste (ediciós do Castro, 1995) entre as interlocucións epistolares de María Zambrano, Castelao, Arturo Souto, Seoane, Lorenzo Varela, Serrano Plaja, Sánchez Barbudo, etc., ilustres exiliados, escritores, artistas e intelectuais, aparece, a pé de páxina, na nota 437, en lugar subalterno, esta referencia do editor: “Teresa Martínez, a ‘Carpinteira’, sigue aínda na casa dos Dieste en Rianxo. Don Rafael sentía por ela verdadeira admiración da que fun testigo en conversación mantida poucos días antes do seu falecemento. Anotaba palabras que lle oía, xa inusuais, e decía que sería unha boa académica”.

Dela aprendín desde ben pequeno, en efecto, algunhas palabras que forman parte do meu particular vocabulario malia que non estean recollidas nos dicionarios. Entre estas palabras está “afelmada” un adxetivo para referirse á gorxa cando non está limpa por mor de resfriados e catarros. Non moi alonxada está outra palabra que case me salva a vida cando, de moi neno, comendo un pexego non dei pasado a croia e comecei a pedir alento silenciosamente. Cando Teresa observou a escena deseguida gritou: “Este rapaz está encorado” e coa mesma deume coa súa poderosa man no medio do lombo e chimpei a crocha deseguida. Adoitaba referirse a determinadas persoas chamándolle “selrecho”. Inútil ir ao dicionario, para explicala non se me ocorre outra idea que partir da expresión “ser recho”, para chegar a “selrecho” a través dunha moi frecuente disimilación na expresión oral.

"Hai persoas que, como sucos da historia, quedan chantadas na nosa memoria colectiva; agardan, sempre silentes, que alguén dea fe da súa presenza no borroso palimpsesto da historia"

decoration

Muller abnegada e portadora de insólitos valores que recoñecín desde a infancia, sexan estas palabras de gratitude e respecto polo seu exemplo.

Teresa, “viúva de home vivo” que a abandonou á súa sorte con tres fillos pequenos que criou sachando e gabeando terras alleas, foi quen de recibir e coidar do pai dos seus fillos cando este regresou desvalido e desamparado da Arxentina. Cando a mediados dos anos sesenta regresa Rafael Dieste do exilio, necesitou unha persoa responsable para coidar de Olegarita, a irmá dependente que permaneceu en silencio a maior parte da súa vida. Foi cando apareceu Teresa na vida dos Dieste como criada abnegada e fiel, que dignificou este traballo tan deostado socialmente. Acaba de falecer hoxe , 27 de decembro, con 104 anos de idade e con feliz memoria na súa aldea natal de Asados (Rianxo). Non hai moito tempo aínda me sinalou o cuarto no que xaceu durante a maior parte da súa vida Olegarita Dieste, pasiva protagonista da novela de Elena Quiroga La enferma, tema do noso anterior artigo.

Ben podería ser Teresa “a Carpinteira” o símbolo de tantas vidas anónimas do exilio, os mariñeros que revolucionaron a pesca en Chile, os caixistas e linotipistas que dinamizaron o mundo da impresión en México, os ceramistas que modelaron formas impensadas etc., etc.

Teresa, ágrafa, non nos deixou testemuñas epistolares pero segue a ser exemplo de dignidade e resignación para todos os que tivemos a sorte de recoñecela entre os nomes borrados da historia. Beizóns.

Compartir el artículo

stats