Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

Monolingüismo desharmónico

Un ano máis, para os estradenses e as estradenses que tivemos a sorte de superar os malfados do 2021, achámonos no miolo da celebración das tradicións das festas do Nadal (ben sexan confesionais ou laicas).

Pois ben, un servidor, como usuario e copropietario de nacencia e convicción deste excelso patrimonio que lle chamamos lingua galega, lingua de nós ou lingua propia da Galiza, non me resisto a compartir unha serie de reflexións sobre un feito (un de tantos) relacionado coa lingua nestes tempos do Nadal.

Un día destes, pasando pola Rúa dos Mártires, entre Serafín Pazo e “a Farola”, chega aos meus oídos a música ambiental con que ACOE nos agasalla ano tras ano.

Deixando aparte a calidade da música escollida para tal fin, a un sáltanlle todas as alarmas comprobando como se despreza un patrimonio tan rico como é o das panxoliñas galegas, de maneira que nin ACOE nin o goberno municipal consideran a nosa música de nadal merecente de ser escoitada polos veciños e veciñas, incluídos os que a tiveron sempre pola súa lingua propia. Nin sequera foron capaces de practicar o tan cacarexado “bilingüismo harmónico”.

Un servidor non entende como as instancias públicas que gobernan o concello lle prestan á entidade ACOE as rúas da vila para facer pedagoxía do antigalego e deserción do noso patrimonio.

Bueno, digo que non se entende, ou sí se entende, se quen nos goberna considera que a lingua é un tema menor que non merece ningunha atención.

Non quero ser acedo demais e polo tanto non quero pensar que sexa esa a causa.

Só quero con este desafogo poñer máis en evidencia, se cabe, a falacia que tantas veces se escoita de “la imposición del gallego”, de aí o título deste artigo “bilingüismo desharmónico”. A acción de goberno non consiste só en elaborar regulamentos, coma neste caso o de uso do galego no concello, senón tamén, e sobre todo, materializar con vontade política o que conteñen no seu texto.

Señores e señoras do goberno municipal: Este non é o camiño da normalización da nosa lingua. Ó contrario, esta é a pedagoxía da diglosia e do autoodio que ben demostrado se está vendo a onde conduce.

Nada máis (pero nada menos). Venturoso 2022 .

*Responsable comarcal do BNG da Estrada

Compartir el artículo

stats