Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Elena Quiroga e Rafael Dieste en Rianxo

En Historias e invenciones de Félix Muriel (1943) Rafael Dieste reúne nove narracións que se ofrecen como paisaxe dos espazos da súa infancia e xuventude, canso de loitas e das profundas feridas da guerra. O escritor exiliado bríndanos a súa mirada para guiarnos por lugares íntimos, virxes, sacralizados. Os obxectos da súa casa familiar –reloxio, quinqué, piano, espellos– e os rostros familiares estruturan as distintas partes do libro. Unha especie de peregrinación polo seu propio mundo buceando nunha intimidade que tamén é unha forma de indagación.

Soamente desde esta perspectiva poderemos valorar o impacto que producirá no escritor rianxeiro a lectura dunha novela de Elena Quiroga na que estes mesmos espazos familiares son asañados por ollos alleos que os presentan con indiferencia e frialdade. A exitosa escritora, premio Nadal en 1951 por Viento del Norte, chegara a Rianxo co obxectivo de documentarse para unha nova novela, aconsellada por un amigo común que lle recomenda como estancia a casa familiar dos Dieste González situada estratéxicamente na rúa de Abaixo cunha galería á ribeira, varadoiro, lonxa e fiestra cara o mar. O resultado final será a novela La enferma (1955), moi distanciada do ambiente mariñeiro no que pretendía mergullarse a novelista.

Na casa dos Dieste en Rianxo soamente vivía Olegaria, (Pontevedra 1890-Rianxo 1980) e a familia de Elisa Lorenzo, encargada do seu coidado porque Olegarita como sempre foi chamada pola familia, vítima dunha enfermidade mental, permanece nun mutismo e soedade absolutas desde os vintecatro anos ata a súa morte. Sen entrar en detalles sobre o diagnóstico da patoloxía despois de tantos anos e sen documentación clínica, é evidente que a enferma foi unha vítima máis do paradigma da feminización da loucura. Na vila, efectivamente, circulou desde sempre a lenda de que o apartamento da vida da enferma (na novela “Liberata”) foi provocado por un “mal de amores” protagonizado por un veciño “destinado” desde a súa adolescencia a ser o seu marido. Ese veciño era nada menos que Castelao (“Telmo” na novela), o pai do nacionalismo galego falecido en 1950 na Arxentina.

Elena Quiroga, tendo a enferma, silenciosa, postrada a poucos metros do seu cuarto non fixo outra cousa que procurarse testemuños, que comenzaron pola propia “criada”, Elisa Lorenzo (“Alida” na novela). Sen saír da rúa de Abaixo a escasos metros da casa na que moraba había dous centros rexoubeiros de gran importancia en Rianxo: o primeiro encarnado nas irmás de Castelao, Xosefina e Tareixa (o personaxe “Angustias” asume o rol das dúas) e un segundo encarnado polas curmás de Manoel Antonio, Rosa e Ramona (“Justa”, é o personaxe que as representa), encargadas da central telefónica na vila.

Outra testemuña importante será a do sacerdote Xosé Benito Fariña (“Simón Pedro”, na novela), párroco de Rianxo. Os nomes dos personaxes, como podemos ver, son todo un intento de caracterización a través do rol que lles asigna a novelista.

Fóra do círculo diesteano de amigos e familiares poucos lectores deron coa clave da novela, entre eles desde logo está Xulio Sigüenza, que nun artigo publicado en agosto de 1955 no FARO DE VIGO fai notar a presenza do seu amigo Castelao entre os protagonistas. Non obstante, Rafael Dieste (“Eugenio” na novela) ao seu regreso do exilio en 1960 prescindirá dos servizos de Elisa, e manterá un prudente distanciamento de “Angustias” (casa Castelao) e de “Justa” (casa Pérez) e borrará todo vestixio epistolar da súa relación con Elena Quiroga ao considerar traizoada a confianza e hospitalidade ofrecidas á escritora. Malia a intensa vida social que despregou en Rianxo a novelista, a vila non pasa de ser na súa novela un escenario intrascendente. Para Dieste, Rianxo era a súa “patria cordial”. Cousas da vida, por Castelao.

Compartir el artículo

stats