Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Non fumes na cama (nin no coche)

Permitan os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais –que hoxe se despiden deica o novo ano; teñan Vdes. un moi feliz Nadal e oxalá que os Reis Magos lles traian de regalo toda a felicidade– que inicie as presentes liñas cunha moi breve testemuño: pois non; fóra dalgunha conxuntura puntual, debo precisar que nunca fun nin son fumador, nin teño tampouco intención de selo. Dito/escrito o cal, paso a relatarlles xa que, hai cousa dun par de días, estaba un servidor en compañía dun amigo de meu –na súa mocidade, el foi considerar en serio a cousa revolucionaria; agora defínese como liberal progresista ou algo semellante– apreciando como lle cómpre unha pinta (¡libertad, libertad, aquí como en Madrid!) cando o mencionado me foi espetar de súpeto: “Mira, meu: non me malinterpretes pero o caso é que, parafraseando a Clemenceau, acontece que a saúde é demasiado importante para deixala nas mans dos médicos”.

Nin que dicir ten, a referencia vén ser aquela mesma que o coñecido político francés sentenzara así no seu día: “La guerre! C’est une chose trop grave pour la confier à des militaires”. Canto ao motivo da paráfrase, tal non vén ser outro máis que o de que unha parte do contido do novo Plan Integral de Prevención e Control do Tabaquismo cuxo borrador, como sen dúbida xa coñecen todos Vdes., menciona a posibilidade de prohibir fumar mesmo se estamos no interior do noso propio vehículo. “Cal será o próximo paso” –alporizouse o meu colega– Irán poñer unha cámara e/ou un policía nos cuartos de baño das nosas casas?”

“...Para deixala nas mans dos médicos?” –retruquei á miña volta–. “En todo caso, coido que queres dicir que se trata dun ben demasiado importante para deixalo.... nas mans dos políticos, non?”. Porque, en efecto, veñen ser esas mesmas xentes a planearen tamaña intromisión no eido privado aquelas que se amosan incapaces, mentres, de defender como lle cómpre a prerrogativa de que un familiar de noso –poñamos que un pai/unha nai que, debido ao seu estado físico e/ou mental, mora nunha residencia da terceira idade; ou poñamos así mesmo un fillo, neto... en idade escolar– non sexa atendido, educado... por un cuidador, sanitario ou mestre negacionista, con medo á “pupa” do pinchazo. E menos aínda alegando, como alegan, que os tales non poden ser apartadas do seu oficio en beneficio da salvagarda dos seus dereitos civís, sindicais...nin tampouco verse forzados a recibiren as correspondentes doses da vacina porque esta “non é obigatoria en España”. Oxímoron; contradictio in terminis: pero hai demasiado tempo xa que os nosos “pais/nais da patria” están por enriba das antinomias humanas. Isto é, actúan talmente como Deus. Daquela, de que democracia falamos cando falamos de democracia?

E a ver; nada máis lonxe da miña intención que entrar aquí e agora no debate –debate falso; todos e todas, fumadores ou por fumar, sabemos que se trata dunha substancia nociva– arredor das consecuencias de “darlle á chupeta”, como dicía a miña avoa Fina. Agora ben; coido que unha cousa é vixiar a saúde colectiva e outra, moi diferente, transformar, “pola cara” –isto é, por mor dun estado emocional, como o que estamos a habitar, no cal a cousa sanitaria está presente nas nosas vidas vinte e cinco horas por vinte e catro, mesmo en trance de apocalypse now– a todo un monllo dos nosos concidadáns en pouco menos que delincuentes, malfeitores e foraxidos, yonkis dogradictos perseguidos polas forzas da orde incluso nos seus recantos máis íntimos”. Apague de inmediato ese cigarro e báixese de inmediato do coche, pedazo de Al Capone, Landrú, Jack o destripador, psicópata do fume, que é vostede un psicópata da fumeta!” De veras que aproveitando que o Pisuerga... ha de resultar ese o labor a desempeñar polos axentes da autoridade no próximo (no) future do terror? Apagarmos, acaso, o lume con máis lume?

Con certeza que doutores teñen a Igrexa e mais a Medicina. Non obstante, penso que cabe lembrarmos aínda aquilo que lle foi responder Winston Churchill a un deles cando este lle recriminou: “Sir; non sería moito mellor para Vde que deixase de fumar habanos e de beber como bebe?”. Velaí a réplica do primeiro ministro: “Desde logo que si, doutor; leva Vde. toda a razón: iso sería moito mellor para min, pero..., moito peor para Inglaterra”.

“Don’t smoke in bed”, cantaba Peggy Lee e é que, en efecto, fumar na cama –e noutros espazos– comporta moitos riscos. Aínda que, a este paso, bastantes menos que facelo no interior do propio vehículo. Claro que, os nosos representantes, tal e como nos fincaban as nais de postguerra logo de quentarnos o corpo, ben poderán retrucar: “Non choredes, que é polo voso ben. Máis que nos doe a nós!”. Xa, xa.

Compartir el artículo

stats