Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Unha ruptura histórica entre dous discursos

Rematada a Guerra Civil, nese baleiro existencial de soedade e morte, o mundo da edición, libros e revistas, vai significar un intercambio de ideas construíndo pontes e tecendo complicidades entre vencidos, moitos deles exiliados, e os vencedores, non todos satisfeitos coa situación. Prescindindo das numerosas complexidades que presenta este tema non é discutible que, entre outras moitas, as revistas “Ínsula” (1946), “Euzko-Gogoa” (Baiona 1956-1959) ou o semanario “Destino” (subtitulado Política de Unidad) malia a súa orixe fascista, comunicáronse co mundo exílico –escritores pero tamén pintores, editores, ilustradores, filósofos, profesores, etc.– e facilitaron unha plataforma comunicativa aproveitada certamente como ponte cultural necesaria e integradora. Respondían á vontade tamén de diálogo representada no exilio pola col-leçió Catalònia (México) de Avel-li Artís, pola editorial Ekin (Arxentina) de Isaac L. Mendizábal e Andrés Irujo, por Séneca (México) de Bergamín, Ediapsa (México) de Giménez Siles ou Losada de Gonzalo Losada en Bos Aires. Grazas a estas iniciativas durante dúas décadas (1940-1960) o Atlántico foi unha vía de comunicación que posibilitou unha pedagoxía secreta da liberdade.

Non tivo a mesma fortuna de vascos e cataláns Luís Seoane que, despois de converter Bos Aires na capital da edición galega padeceu o “desvío e abandono da terra”. O piñeirismo, efectivamente, atrincheirado en Galaxia e "Grial" desde 1950 constrúe unha muralla de silencio e descalificación a respecto do exilio galego que produce unha histórica e traumática ruptura precedida dun desmesurado afán pola implantación dun canon literario-cultural e a renuncia á loita política. Todo comeza en 1944 coa fundación en Montevideo do Consello de Galiza que defendía un nacionalismo político, movemento de masas cívico e democrático que pretendía a liberación da súa Terra. O nacionalismo étnico-cultural que defende o piñeirismo confía nunha minoría intelectual a responsabilidade de culturalizar e galeguizar o país. A editorial Galaxia e a revista “Grial” serán os seus instrumentos iniciáticos para posteriormente executar unha política ocupacional de institucións relevantes: RAG, Fundación Rosalía e Otero Pedrayo, Penzol, Consello da Cultura, etc.

"Nada entrou en Galicia do exilio que non tivese pasado polo cribo do piñeirismo"

decoration

Son moi reveladores, entre os vinte libros que edita Galaxia na década 1950-1960 os catro títulos Ensaios sobre Rosalía (1952), Paisaxe e cultura (1955), Homenaxe a Florentino L. Cuevillas (1957) e Homenaxe a Otero Pedrayo (1957) que constitúen a súa colección “Ensaios”. Albíscase xa a vocación canónica no afán dun xénero destinado, moi especialmente, a seducir, a louvar, persuadir e convencer. Estes títulos son o comezo da canonización da chamada xeneración Nós, un inmenso oco que succionará todos aqueles mozos mortos (tamén exiliados), caso de Manoel Antonio, partidarios dunha Galicia insumisa e rebelde. No afán ordenador, sistematizador e canonizador da cultura galega que proxectaba Galaxia, a vida e a obra do rianxeiro eran unha aventura allea que non encaixaba no seu propósito fundacional. Nada entrou en Galicia do exilio que non tivese pasado polo cribo do piñeirismo. E cando entraron fixérono con salvoconducto individual.

Outra liña moi expresiva da editorial piñeirista é a que abre co título de Rof Carballo Jonás y la saudade (1953) onde aparece o inevitable tema da saudade que atravesa toda a vida editorial de Galaxia e acabará sendo unha especie de fixación cultural que os exiliados interpretaban como sinal inequívoco da principal liña de fuga do piñeirismo, o culturalismo, un auténtico andacio que pervive no mundo epigonal e sancristánico do grupo ata datas moi recentes.

A función da inevitable comunicación co exilio confioulla Piñeiro inicialmente ao rostro amable do grupo malia que vendía a mesma mercancía, Fernández del Riego. Para eso entablou previamente o piñeirismo contacto coa parte máis conservadora e reaccionaria da emigración situada nos arredores do Centro Galego, refugando a comunicación coa Federación, sede dinámica e política do Consello de Galiza. Piñeiro reservouse os comunicados ideolóxicos lidos por mandato e a comunicación epistolar, críptica e sibilina.

Compartir el artículo

stats