Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Manoel Antonio, unha vela de vento

Os mariñeiros de Rianxo durante moito tempo non mediron a velocidade do vento por nós nin por criterios científicos. A unidade empregada era a que tiñan máis á man, a vela. Cando fondeaban na Rabaleira e lle preguntaban os que saían para a lusada polo vento que se iban atopar na ría, as respostas eran “unha vela de vento”, “media vela de vento” ou “un ris de vento”. Todo quedaba claro, non se requerían máis precisións. Non nos debe sorprender, xa que logo, que Manoel Antonio mida os chubascos por velas no poema “Navy Bar”: noite d’os naufraxos/c’o seu brazo salvavidas/aferrará con nosco unha vela de chubascos. Son expresións populares como a que decía unha muller de Rianxo cando contemplaba o ceo limpo día tras día cando a terra estaba a degoirar chuvia: “non hai unha nube onde pendurar un candil”. Son expresións que irrompen con forza arrincadas do abraio da natureza contemplada sen intermediarios. A incorporación destas expresións e outras numerosas palabras –pademia, ronsel, atiaxado, tañar, melfas– á súa creación literaria, non sempre recollida nos dicionarios, forma parte do estilo de Manoel Antonio caracterizado pola tendencia ao uso de formas populares.

Ben é verdade que tamén existen diferentes concepcións da tradición popular: hai unha forma conservadora de concebila coma unha especie de contedor estático, como depositario das esencias, tal era a idea xeral do grupo Nós; e hai outra, a de Manoel Antonio e os novos que se consideran na obriga de manter o contacto con esa tradición pero para que axude á personalidade individual e colectiva.

Manoel Antonio, na súa constante relación cos mariñeiros, consciente da súa pertenza á cultura académica, pasará toda vida construíndo pontes entre esta a cultura popular onde as palabras devanditas son como grans que marcan o camiño de volta.

A poesía de Manoel Antonio salvou postergacións, silencios e descalificacións do galeguismo conservador da posguerra. Actualmente, 91 anos despois da súa morte, é considerado un clásico se entendemos por tal un autor lido por varias xeracións con misteriosa lealdade, como quería Borges poñendo o acento nas causas que estimulan a lectura dun escritor. De tal xeito que malia o rexeitamento dos “vellos”, o silencio da ditadura e o precipicio que supuxo a xeración Nós que engulía todo o que se aproximaba a ela, sempre se mantivo un fío condutor que non deixou que esmorecese a súa memoria sempre cangando, iso si, co calificativo de “alleeiro”, que pretendía arredalo da tradición.

"A poesía de Manoel Antonio salvou postergacións, silencios e descalificacións do galeguismo conservador da posguerra"

decoration

Manoel Antonio, neste contexto, non soamente permaneceu nos eidos do incipiente nacionalismo independentista e anticolonialista, tamén mantivo unhas teses sobre o pobo menos idealistas pois foi quen de criticar as súas debilidades reclamando para el unha cultura que lle faría ter maior autoestima. Sempre se sentiu solidario cos máis humildes reclamando un sindicato de traballadores galegos e conectando así coa orixe popular do agromar da nación galega.

Unha proba da súa vitalidade está na recente tradución ao catalán por parte de Joan Puigdefàbrega (Lleonard Muntaner editor, Mallorca 2020) que co título de Manoel Antonio. De quatre a quatre i altres textos recolle, ademáis do emblemático libro o texto en prosa “Pròleg a un llibre de poemes que ningún no ha escrit”, “Sempre més i encara després”, “Viladomar” e “Al capità Roald Amundsen que es va perdre al Pol Nord”. Unha vela de vento para a cultura galega.

Compartir el artículo

stats