Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Si ho l´età

“No ho l´età./No ho l´età/per amarti./No ho l´età/per uscire/sola con te...” Sen dúbida que moitos/todos aqueles de entre Vdes. –sempre moi amables lectores destas páxinas semanais– que, a diferencia diso mesmo que veñen proclamar os versos, si que teñan idade dabondo (idade para o que sexa mester, claro é), han de lembrar como lle cómpre a célebre cantiga que interpretara unha anxelical Gigliola Cinquetti aló por volta da Eurovisión de 1964. Sempre de acordo, daquela, coas estrofas e mais as corcheas da diva veronesa, o namorado/a ha de agardar –“nell´attesa che venga quel giorno”– mentres el/ela e mais a correspondente parella van vivindo “un amore romantico”. En fin, así resultan –ou, moito mellor, resultaban antes do estoupido da xeira irada do reguetón– as cousas da lírica musical.

E vale; de acordo; ok McKey: non hai que precipitarse. Agora ben, semella aínda que tampouco convén retrasar, sen máis/demasiado, a cousa, e deixarmos que “se nos pase o arroz” e que as uvas se tornen pasas. E é que, ao cabo e como xa foi sentenzar o noso gran Castelao, os vellos non deben de namorarse. E iso por máis que, en realidade –e velaí ese triste e fermoso relato de Italo Svevo, “A historia do bondadoso vello e da fermosa moza”– si aconteza, porén, que os maiores se prenden, engaiolan, embelesan, enfeitizan..., e tanto!, feridos decote pola frechas da paixón, as cales –e como outro ser seráfico, que atende por Karina, nos anunciara– deveñen repartidas entre tutti quanti, toda vez que “Cupido viene y va.”

"Han de lembrar como lle cómpre a célebre cantiga que interpretara unha anxelical Gigliola Cinquetti aló por volta da Eurovisión de 1964"

decoration

Así pois, amores nenos, amores xuvenís, amores adultos, amores serodios, amores de perdición, amores no tempo do cólera... incluso o amor constante, para alén da morte; amor inmortal que nos deprendeu o inmortal Quevedo. E amor fiel, que, se ben non inmortal –posto que é chama–, se amose infinito mentres dure, como foi acrecentar, decote no ronsel quevediano, esoutro grande da terra brasileira, Vinicius de Moraes.

Daba conta da nova este venerable rotativo nos pasados días: eis que, de acordo cun informe elaborado pola Sociedade Española de Medicina Antienvellecemento –o título do tal, “Idade cronolóxica /vs/ idade biolóxica: que idade coidan que teñen os españois?”– tal parece que até un 60% dos nosos compatriotas vén considerar que o seu aspecto físico –e supoño que asemade mental– resulta ser aquel mesmo dunha persoa con cinco anos menos de andaina; é dicir, que alguén, poñamos por caso, que xa cumpriu os cincuenta e cinco outonos interpreta que, en realidade, aparenta cincuenta, ou poida que aínda algunha menos, primaveras no seu haber. E xa disparados –“unha vez vidos arriba”, que diría a rapazada–, sucede así mesmo que aqueles e aquelas que sobrepasan os setenta estiman que a súa imaxe non vai para alén dos sesenta. Desde logo e chegados aquí, aínda ben que o inquérito non explica o que acontece cos que xa traspasaron a barreira dos oitenta e/ou dos noventa. Acaso coidan os tales que se amosan, diante dos demais, como uns “chavalitos/as”, “yogurines/as” de corenta? Xa que logo, os españois e mais as españolas talmente a actuarmos como a raíña malvada de Brancaneves? “Espelliño, espelliño dos meus amores, dime: quen vén resultar o máis fermoso/a máis fermosa deste reino?” De certo nin quero colexir que cousa acaecerá na conxuntura de que o aristrócrata do caso exerza a titulación de emérito. E é que como outra canción replica –e a historia recente nos ensina–: “caballo viejo no puede dejar la flor que le dan.”

"Os españois e mais as españolas talmente a actuarmos como a raíña malvada de Brancaneves?"

decoration

Cabería, desde logo, indagarmos arredor do que lles sucede a italianos, franceses, alemáns... toda sorte de gringos e de guiris situados na mesma tesitura ca nós. Tamén eles coidan figuraren, entón, máis novos e novas do que declaran os seus respectivos documentos de identidade? Coido que foi, precisamente, un guiri –de cuxo nome prefiro non facer memoria aquí– quen xa explicou que non é que os anos pasen axiña, eles sós, senón que semellante proceso apenas ten lugar para aquel/aquela que de veras envellece. Non obstante, este cronista xulga que andou máis acertado Graham Greene cando retrucou da súa parte que, no fondo de nós, sempre temos a mesma idade.

“Dilapidador de encanto, por que gastas/en ti mesmo a túa herdanza de beleza? (...) Fermoso egoísta, por que abusas/do que se che deu para que ti deses?/ Avaro sen proveito, por que empregas/suma tan grande, se vivila non acadarás?” Máis unha vez, creo que o Bardo –e disimulen Vdes. esta miña, e á súa vez, dilapidación de citas– leva a razón: a razón da razón, pero esoutra do corazón. Porque, ao cabo, e por moito que teimemos en deter os ponteiros do reloxo, cando toque partir..., que saldo tolerable será o que deixemos? Daquela, meus e miñas: cantase o que cantase a inmaculada Cinquetti; responda o que nos responda o espello co conto... a resposta é si: adiante, non abxuremos de nada. Teñamos idade.

Compartir el artículo

stats