Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Das Américas vivas

O 11 de setembro de 1973 caía asasinado en Santiago de Chile o presidente daquela república Salvador Allende. Un golpe fascista, dirixido de lonxe polos EE UU, derrubaba o goberno de unidade popular e impuña un que aterrorizou o pobo con modos e maneiras dignas do réxime do que fora caudillo de España. A práctica da corrupción e capitalismo desenfreado afundiu Chile nos tremedoiros da desigualdade. Estes días atrás, en primeira volta das eleccións presidenciais de Chile, situouse en cabeza un candidato que se apresenta a el mesmo como admirador do Pinochet que, á súa vez, tivo Franco como modelo cívico-militar.

En segundo posto, emerxe en Chile un aspirante á presidencia que é apoiado por novas formacións de esquerda socialista e máis polo partido comunista. Simultaneamente, en Venezuela o bolivarismo triunfou nas eleccións aos poderes territoriais e locais. De calquera punto desde o cal se considere, os resultados electorais en Chile e en Venezuela confirman a idea de que a esquerda real está viva nas Américas.

“Asasinado Allende, a práctica da corrupción e capitalismo desenfreado afundiu Chile nos tremedoiros da desigualdade”

decoration

Os que, nun e noutro caso, tratan de devaluar o apoio masivo ás esquerdas invocando o alto porcentaxe de abstención ocorrido, poden ollar para Galicia, mesmo sen ser ésta república ningunha. Se o fan, verán que eiquí, os referendos sobre os que se asentan as lexitimidades do Estatuto Autonómico e da Constitución Española non foron votados por masas abstencionistas e críticas co réxime monárquico que se preparaba daquela.

Despois de o mando norteamericano apertar o acelerador do desorde de rúa en Nicaragua e en Cuba, e de fracasar no intento, miramos que o dereitismo antisistémico de Venezuela acataba a legalidade bolivariana deixando en coiros ese seu presidente Guaidó fantasmático. Tal foi o éxito da política de Nicolás Maduro: fixo entrar a contrarrevolución no sistema democrático revolucionario. Despois, perante observadores prexuizosos de todo o mundo, os candidatos do chavismo acadaron (en palabras de “El País” de Madrid) unha “gran victoria”. En Chile o éxito da esquerda foi saír da fría cova na que intentaron soterrala e situar Gabriel Boric, un dirixente que soporta no lombo o peso de toda a ética de Salvador Allende en posición de enfrentarse ao herdeiro lexítimo de Pinochet na segunda volta dos comicios. Mesmamente, Boric pode chegar a ser o presidente máis novo da historia de Chile. En todo caso, miramos que a hexemonía dos EE UU anda a emitir rechamantes e progresivos signos de enfeblecemento. A Historia continúa.

Compartir el artículo

stats