Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Feira en Francos

O San Martiño dos magostos, aí o vai. Este que lles escribe non voltou á cidade nativa por celebrar o magosto con lume ritual no Montealegre nin tampouco aparcou nas leiras de pagamento que os veciños de Francos poñen en vigor para a súa feira do ano. Refírome ao Francos do Faramello, termo municipal de Teo, que é onde a carrilana do arcebispo Malvar marcaba famosas voltas ao irse achegando a Compostela. Onde lles digo, aldea de Francos, acaba de ser a feira de cabalos anual. Destacada esta pola súa enxebreza, en Francos marabilla un cruceiro diferente a todos os do seu xénero que foron dibuxados por Castelao. Onda o campo da feira, so un dosel de carballos, corre cara Padrón o río Tinto cabo da Angueira de Castro Lupario. A insoportábel sombra da raíña Lupa soía rondar a feira de San Martiño, e entendo que xa non se amosa moito. A propósito, Anxo Angueira definidor da Terra de Iria, si que foi a esa feira de San Martiño que, ano tras ano e desde as tebras do pasado, congrega pobo ambute baixo as abóbedas dunha carballeira de Francos que semella querer irse apataconando cos cobres do outono.

"As de San Martiño, Santiago e Padrón foron as feiras de Galicia que espallaron o cabalo de raza bretoa"

decoration

Son informado de que o novo deste ano foi a oferta de moito burro. O cal é, se cadra, reflexo dunha moda de pelerinaxe en burro á cova apostólica. Hai anos coma area, o camiño de ferro ordenou de pór por alí unha estación, que chegou a nós co nome de Osebe. Convén lembrar que, antes da motorización do agro, os labregos de Castela sevíanse de mulas (ou múas) para os labores do campo. En Galicia producíanse, co cruzamento de dúas especies de équidos, moi boas múas. Cantidade delas exportábanse a Castela desde a estación de Osebe despois de as mercar os tratantes na feira de San Martiño. As de San Martiño, Santiago e Padrón, foron as feiras de Galicia que espallaron o cabalo de raza bretoa, que se mestizou frecuentemente co noso cabalo. Este ano, houbo en San Martiño de Francos, presenza de cabalo galego de pura raza. Algún nostálxico erudito quixo ver, en Francos, cabalos descendentes daqueles que foran propiedade de Arlandier na novela Siervo libre de Amor e que se fixeran bravos nas serras de Teaio, de Miranda e de Buxán. Iso si, expúxose en San Martiño maquinaria agrícola, houbo polbo nos postos dos Mambises e foron vendidas castañas para o magosto e postas de bacallao para gostar na Noiteboa. O País segue a xirar sobre o seu propio eixo.

Compartir el artículo

stats