Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Pulo industrial e cova apostólica

Eu, inspector vocacional das docas de Vigo, descubrín a presenza dunha columna de coches de bombeiros dispostos a seren consignados, vía marítima, a América do Sur. Os meus informantes din que estas máquinas se fabricaron na freguesía de Esmoriz (Ovar, distrito de Aveiro) pola empresa Sucesores de Jacinto Marques de Oliveira, do ramo da industria automobilística de carros especiais. Sempre Portugal destacou por manter corpos eficientísimos de bombeiros voluntarios dotados de vehículos constantemente anovados.

Xente da miña idade lembra os bombeiros de Valença actuando na extinción de incendios que se deflagraban na bisbarra de Turonio, ou sexa no territorio comprendido entre a ría de Vigo e o río Miño. O feito de que unha fábrica coma a de Marques de Oliveira embarque no porto de Vigo vehículos dos considerados non seriais, demostra varias cousas. Unha delas é que aínda segue a ser posible, neste mundo dominado polo poder negro dos fondos sen rostro, que compañías pequenas poidan resultar eficientes por mais que a ideoloxía hexemónica nos queira convencer do contrario. Outra leición que nos dita o acontecemento que comentamos, é esta: os molles comerciais de Vigo seguen a estar tan activos coma sempre desexamos que estivesen.

O asunto do embarque en Vigo dos coches portugueses de bombeiros lévanos agora a Compostela. Sempre pasa desapercibida para a opinión pública a actividade industrial nas terras de Iria e Santiago, o que Rivas Briones e Borobó soían denunciar en “La Noche” do pasado século. Desde os días do cardeal Payá e da enésima invención do sepulcro de Santiago, as únicas empresas consideradas produtivas na zona apostólica son as nutridas polo fluxo económico da hostalaría, a medicina privada e a catedral receptora de peregrinos. Pero, aínda que non figure no repertorio usual das redes nin estea presente no xornalismo, existe unha factoría en Compostela que produce carros non convencionais todo terreo, especialmente con dotación contra incendios alén doutros automobeis concomitantes.

A marca é Uro, que coido que xira coas siglas UROVESA. Son instruído en que unha dependencia de Uro manufactura compoñentes en Castropol (Asturias Econaviega). Sempre pensei que as variacións na estructura económica de Galicia deberían ser obxecto de maior atención da que reciben nos medios de comunicación. E que non sería mau un reforzamento da información sobre as vicisitudes que sofre a produción industrial autocentrada deste pais. Mormente para os asalariados afinarmos a correción das nosas análises e opcións políticas. E para non perder de vista o feito de que, a freguesía de Ovar na que produce a factoría Marques de Oliveira que suscitou esta columna, leva o nome de Esmoriz que Joseph M. Piel considerou relacionado con aquel Ermerico que foi primeiro rei da Gallaecia sueva.

Compartir el artículo

stats