Opinión

‘Vivat Academia, vivant professores’

Semella inminente o peche da sede da Real Academia Galega (RAG) na rúa Tabernas da Coruña. Pensamos que as obras que o motivan non serán solución de futuro porque estas teñen capacidade de remodelar pero non de agrandar o espazo que necesita a institución. Non obstante algo van ter de bo porque o traslado consecuente permitirá visibilizar a culminación da compostelanización da RAG xa que os aproximadamente vinte numerarios da capital poderán celebrar in situ as reunións ordinarias e extraordinarias. Quen lle diría ao preclaro Cotarelo Valledor, partidario no seu momento de que Santiago fose sede académica, que se cumprirían os seus desexos máis de cen anos despois. Pero antes do peche inevitable debería acoller a sede da rúa Tabernas dous actos simbólicos que levamos reclamando con insistencia e que as executivas últimas nos responden con silencio cómplice.

Acaban de cumprirse vinte anos do primeiro convenio para a redacción dunha gramática descritiva do galego actual. Daquela, ano 2001, aínda non era académica a responsable e directora deste encargo, a profesora da Universidade de Santiago Rosario Álvarez, actual presidenta do Consello da Cultura Galega, exdirectora do ILG e extesoureira da RAG. Unha curiosa e moi expresiva simbiose curricular que ben pode metaforizar a actual situación subalterna da Real Academia Galega e o incumprimento sistemático do contrato asinado. Van alá cinco presidentes (Del Riego, Barreiro, Ferrín, Alonso e Freixanes) e máis de 135.000 euros do erario público librados á Universidade de Santiago e a gramática encargada non aparece nas librerías nin foi presentada en Tabernas. Silencio administrativo das tres institucións implicadas.

Tamén está a punto de cumprirse no próximo mes de decembro o undécimo aniversario da firma doutro convenio entre a RAG e a Universidade de Santiago, ILG mediante, para a elaboración dun dicionario de apelidos galegos. Tampouco a responsable e directora da obra encargada, a profesora da Universidade de Santiago e membro do ILG Ana Isabel Boullón, formaba parte da institución, actualmente é académica electa da RAG. Neste caso van alá tres presidentes, máis de 80.000 euros do erario público librados á Universidade de Santiago e a obra encargada e pagada non aparece á venda nas librerías nin foi presentada en Tabernas. Silencio administrativo das tres institución implicadas.

“Acaban de cumprirse vinte anos do primeiro convenio para a redacción dunha gramática descritiva do galego actual que aínda non se presentou”

Algúns empezamos a sospeitar que gramática e dicionario foron queimados por orde de Truffaut, sen o consentimento de Ray Bradbury, mentres rodaba Fahrenheit 451. Outros, cos que non concordo, sospeitan que as obras están a ser vendidas clandestinamente e figuran nos catálogos de libros raros e curiosos.

De calquera xeito o silenciado e continuado incumprimento destes convenios por parte dos axentes asinantes, despois de terse librado o importe total acordado, apunta unha irresponsabilidade institucional que ten nomes e apelidos preocupantes, alomenos para a credibilidade das institucións implicadas. Non é menor, noutra orde de cousas, a responsabilidade ética das dúas últimas executivas da RAG que despois de irromper na institución portando a bandeira da moralidade e da honradez non deberían agora amparar a inmoralidade perpetrada. E menos intentar matar o mensaxeiro, que ten de certo un papel pequerrechiño nesta película académica de evasión e intriga.

O noso título de hoxe toma prestados dous versos dun popular himno universitario de orixe goliardesca acaído ao tema do artigo tanto porque a palabra “Academia” é capaz de expresar a coincidencia coa Universidade (de Santiago, por suposto) como porque as profesoras devanditas, en definitiva, protagonizan esta película académica da que estamos a presentar o avance. Conste que aínda confío no milagre da primavera para ver a presentación destas dúas obras na sede de Tabernas antes de ser derrubada coma a árbore machadiana, aquel vetusto olmo... gaudeamus igitur.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents