Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Defensa do ermo húmido

O de Doniños, na Ferrolterra de Álvaro Paradela, considerouse o lago ibérico de maior profundidade; unha sorte de Baikal na Gallaecia. Tamén parece certo que, a lagoa de Antela ou lago Beón, cando aínda era viva, foi a máis vasta extensión de auga doce da Península. Non existe, sen embargo, en Galicia unha poética dos lagos. Isto a pesares de que na Idade Media (ou Meoga) houbo un trovador noso de excepción, Fernando Esquío, que visibilizou un lago e que chegou a ser clasificado como precursor do “laquismo” por algún importante crítico literario.

"Non existe, sen embargo, en Galicia unha poética dos lagos"

decoration

Fernando Esquío evoca un belísimo e mínimo episodio no que hai raparigas que van espreitar un xentil amigo que, nas “ribas do lago”, anda “a las aves”. Este cazador perdóalles a vida ás aves que ben cantan, e supoñemos que irían á mesa na realidade, e ben asadas, aquelas outras que non o conmoveran co seu rechouchío, trinar ou gorxeo de amor. Trátase dun idilio enunciado en palabras poucas de grande peso lírico. O lago, con todo, non é escenario tópico nos nosos Cancioneiros, como tampouco aparece a actividade venatoria tan presente no relato medieval europeo.

A lagoa de Antela. / Brais Lorenzo

Veñamos ao lago Beón ou lagoa de Antela en cuxas augas conviviron, sendo eu neno, o alavanco e o cisne. Alí, desde antigo, houbo proxectos de desecación e aproveitamento utilitario. Acugulada a lagoa de Antela de lendas e contos ancestrais que se concentraban sobre a lámina de auga que media entre os castelos de Pena e Sandiás, tal literatura popular raramente evoluiu á escrita. Penso nos ollos de auga cuxo fondo non dan tocado vinte adivais chumbados, coma tal, en Vaamonde ou en calquera parte da Terra Cha que ondula ao norte da cidade de Lugo. Debrucémonos nas escovellas misteriosas do esteiro do Ulla que nos descobre Anxo Angueira ou acheguémonos ás lamas grandes da Ulloa. E, por toda Galicia, velaí exércitos de xuncos coa espadana como divisa.

"Urxe, en Galicia, abandonar o economicismo simplista e fomentar un novo pensamento político"

decoration

Pouco desta materia líquida e límica trascendeu en forma de poesía galega. Lembro unha incursión que fixen de mozo, como espolique de Celso Emilio e Castroviejo (eles ían matar arceas), ao lago de Cospeito. Non houbo reflexo daquela expedición na obra de ningún dos dous autores citados. Pero lagoas, pozas, xunqueiras, tremedoiros, lamas, en toda Galicia foron convertidos en solares especulativos de construción civil ou en plantacións forestalistas invasoras. Insistimos sempre en denunciar a destrución da lagoa de Antela. Urxe, en Galicia, abandonar o economicismo simplista e fomentar un novo pensamento político que tenda a privilexiar a propiedade colectiva das terras ermas e pantanosas e outros ecosistemas ameazados polo predador capitalista.

En canto a lagoa de Antela e a rexión da Limia que se ordenou arredor dela, podemos dala por acabada para sempre. Iso si, en tempos de moita chuva ás veces rebordan as canles e volta, entre a opacidade gris, ser visto o lago perdido. É entón cando o carro fantasma dos “lentos bois da auga” volve saír aos camiños enchoupados para cargar aquel estrume chamado beón que deu nome ao antigo lago e verdea aínda nos soños dos vellos limiaos.

Compartir el artículo

stats