Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Historia e “presentismo”

Analizando o eido dos divertimentos durante a longa xeira de Roma –un capítulo incluíble, á súa vez, no contexto dos praceres e excesos que os habitantes daquel Imperio foron experimentar–, vénse deter Paul Veyne no episodio concreto das loitas de gladiadores e, desde logo, nas actitudes manifestadas por aqueles que acudían a contemplala. Deste xeito, e tomando a perspectiva do presente, pregúntase o grande arqueólogo e historiador francés até que punto os seareiros do circo –e a sociedade romana, en xeral– participaban dun gusto polo pracer sádico unha vez que o espectáculo non se reducía a un combate de esgrima con riscos reais senón que o interese do mesmo residia na morte dos combatentes ou, tanto ou aínda, no perdón ou na degolación para aqueles, ditada polo público asistente. Sen dúbida, unha proxección que bate frontalmente coa moral do noso tempo.

Pois ben; en realidade, o pracer de ver sufrir, sen máis, nunca foi admitido en absoluto no mundo romano e, de feito, o mesmo público da loita de gladiadores censuraba con rigor a aqueles que se compracían visiblemente nas degolacións. Pola contra, a idea da morte con honra, a vontade de vencer, a propia gloria do combate... todo iso si que viña formar parte do espazo moral daquela en vixencia. Xa que logo, e sempre con Veyne, sucede que unha cultura ha de ser contemplada, e analizada, sempre no seu conxunto e non nas excepcións, e mesmo incoherencias que aconteceron, e acontecen, en todas as épocas.

Algúns xulgano pasado como se o verdadeiro percorrer libre da historia só tivese comezo con eles

decoration

Chegados a este punto, significa o anterior que non podemos xulgar o pasado? Debemos limitarnos, acaso, a unha contemplación “obxectiva” das xeiras, e das xentes, de outrora sen emitirmos calquera clase de ditame ético? Desde logo, e á vista “da que está caendo”, tal semella que unha parte da sociedade actual optase, xustamente, por todo o contrario: isto é, considerar, sopesar, discutir... e condenar ao cabo –rara vez perdoar– aquilo que levaron a termo os nosos devanceiros... de acordo coas normas morais, e/ou xurídicas, que nos asisten agora mesmo. É dicir, unha sorte de “presentismo” –cando non de puro e duro adanismo– que vén transformar a aqueles que o practican en auténticos suxeitos atemporais, situados para alén do propio decorrer da historia: un roteiro de liberdade que, seica, tan só comeza de veras con eles mesmos, os únicos capaces de contemplar, nunha atalia case divina, o transcurso da nosa especie con rigor e limpeza de espírito. Así as cousas, non teñen reparos en chamar ao seu tribunal a Xulio César, Carlomagno, Napoleón Bonaparte, os revolucionarios franceses, Lenin... os conquistadores españois –pero asemade as obras de Shakespeare, Goethe... as idas e voltas de Charles Chaplin, Picasso, as letras dos Rolling Stones... – e emitiren unha sentenza contundente e definitiva sobre eles. En fin, o que resulta máis abraiante: un certo número deses novos xuíces veñen declararse de observancia “progresista” ou “de esquerdas, ignorando olimpicamente algunhas das principais teses do materialismo histórico asemade que o labor de autores como Eric Hobsawm, Frederick Antal ou, desde logo, o propio Karl Marx.

Que houbo crueldade nun episodio como aquel da conquista de América, é un feito innegable. Agora ben; non deixa asemade de devir ben certo que a actuación dos conquistadores e colonizadores na outra beira do Atlántico foi constituír en boa medida unha continuidade con esoutro capítulo, aínda recente, na historia peninsular: isto é, a chamada “Reconquista”. Unha “Reconquista” que, porén, foi martelar con esoutra dvidencia do home americano, cuxa verdadeira dimensión xeográfica, antropolóxica, moral... non resultou doado contemplar para os parámetros non so españois senón europeos daquel tempo. É dicir: Pizarro, Cortés, Núñez de Balboa... non actuaron de xeito diferente a como poderían ter actuado os hipotéticos navegantes, conquistadores... franceses, ingleses, alemáns... de seren eles os que tivesen arribado primeiro ás costas do Novo Mundo

E non; non se trata en ningún caso –e como xa quedou dito– de describirmos, sen máis, os acontecementos (por moito que eles falen, e tanto, de seu) e proceder a unha sorte de “lavado de mans”. Pero si, suposta a existencia de calquera tribunal histórico, de admitirlles aos implicados o dereito a seren investigados, analizados e comprendidos, ou non, na legalidade –a todos os efectos– da súa propia época e conxuntura. Traducido ao noso roman paladino: se un Pedro de Valdivia ha de ser xulgado, coido que lle asiste a perrogativa de que ese xuízo se faga en consonancia coas propias leis nas que o extremeño se criou e morou. Porque negarlle tal –como está a suceder– é negarmos a propia esencia discursiva da xustiza; negarmos a súa caracterización como parte integrante do percorrido humano: isto é, da propia dialéctica da historia na que todos, si ou tamén, vimos habitar.

Compartir el artículo

stats