Opinión | Os Camiños da Vida
Nostalxia e perda do billar de carambolas
Os billares do Coime eran unha cova torva. Na nosa infancia ourensán nunca nos deixaron cruzar a porta batente do Coime. Cando ela se abría para franquear o paso dos siareiros adultos, insinuábase un interior en claroescuro de película expresionista alemá. Para Corominas-Pascual, a palabra “coime”, castelá de “germanía”, é de orixe portuguesa, ou sexa que galega. Á súa vez viría remotamente do latín “calumnia”. Esta verba “coime”, sabe o Demo Langui cómo, terminaría sendo usada para designar o “hulai”, dono ou encargado dunha baiuca e, aínda precisamente, dunha sala de billares. Todo nos leva a aceptar que a palabra billar sexa de orixe francesa, coma billarda. Logo, “coima” sería a ama (francés maîtresse) dunha casa de chicas ou a querida dalgún baranda ou guicho en cartos. Valle-Inclán foi doutor nesta sociolingüística de baixura.
Dicía eu que, aos nenos de Ourense, así de onda a catedral como de Rabo de Galo, nos estaba vedado entrar aos billares do Coime (quen fora o Coime orixinario non o debía de saber ninguén no Ourense dos cuarenta do século XX). A entrada prohibida do Coime daba, case secreta, ao portal dunha das derradeiras casas da rúa de San Domingos antes dela se cruzar coa estrada de Trives, a cal tiña un nome franquista pouco pronunciado polos enxebres da cidade de Ourense. Ao se abrir a porta do Coime, os meniños que guichabamos fascinados podiamos recibir nas nefras un feroz cheiro a tabaco de racionamento que nos incitaba a un imaxinario de graxos contaminados cos delincuentes nos que Roberto Alcázar e Pedrín mallaban en historietas que nos vendían na da Viuva de Lisardo todos os quince días.
Fantasiosamente, nós queriamos ver, tamén no Coime, as facianas de Boris Karloff ou xente tipo Drácula e non os rostros amabeis daqueles nosos herois urbanos que alí acudían a xogar inocentemente ao billar. Coma tal: o ciclista Viriato; Castor, zapateiro que ía ás mozas a Ponferrada na súa imponente Harley Davidson; o Pita futbolista da Unión Deportiva Ourensana; o valentísimo bombeiro Manaicas; aquel Leyenda que baixara, en exhalación, a Barronca en bici alugada no Da Cunha.
Daquela había en Ourense outros billares, por exemplo, nos salóns ben iluminados do Coliseo Xesteira. Pero estes non tiñan aquel arrecendo morboso que bafexaba a porta do Coime. Logo entrei aos billares Bruswick, fronte do Ateneo de Madrid onde marcaron moita fina carambola e Otero Pedrayo e García Marti de estudantes. Había mesas de billar en casinos e pazos, coma o de Guizamonde, nas Caldas de Canedo, onda a estación do tren de Ourense. Non é certo que as monxas Terciarias de Cornoces xogasen ao billar en mesa propia por mataren o spleen de bocarribeira que os Chaos de Amoeiro suscitan nas almas cándidas.
Pero ai, o billar de carambolas en mesa sen buracos xa marchou deste noso mundo. Agora xa só se miran billares cuxas aberturas negras parecen símbolo do imperialismo cultural norteamericano.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable
- La mujer de O Barco que saltó del balcón para huir de su pareja preguntó esa mañana cómo separarse pero no denunció violencia
- El ganadero que perdió 22 vacas fulminadas por un rayo: «Habrá que seguir; es lo que sé hacer y llevo así toda la vida»
- Se hace pasar por su nuera y escapa en una carretilla al estar trabajando cuando no debía en un aserradero de Nigrán
- El mayor parque acuático de Galicia desvela la fecha de apertura
- «Con radioterapia y extirpación de ganglios, en uno de cada tres pacientes hay linfedema»
- La Ley de Extranjería no es para todos: Nirsa y Darys lo saben bien
- Cesados el presidente y la consejera delegada de Ribera
Una propuesta gratuita para acercar la tecnología a niños y jóvenes este verano
