Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Falar entre Eo e Navia

En 1957 descrubrín na biblioteca municipal de Vigo un libro que turrou de min igual ca o imán atrae as limaduras de ferro: Vocabulario del bable de Occidente, Madrid, 1932. Os seus autores eran Acevedo Huelves e Fernándes Fernández. Daquela, chamábanlle “bable”, mesmo en medios eruditos, á lingua románica que hoxe se prefere nomear coma astur-leonés ou asturiano.

O prólogo do “Vocabulario” de Acevedo-Fernández terminaba cun microrrelato no que figuran en contexto algunhas das verbas recollidas. “Pola mañá fun a fonte a buscar ua canada d’ augua. Despois trouxen del eiro un feixe d’ herba, puxen el pote al llume na gamayeira pra fer a xanta, axudei a mi madre a enfornar y deitein el neno, porque xa había muito tempo que taba erguido. Eí teeis el meu llabor dito depresa na mia fala”.

Pensei que os autores fixeran a súa ceifa léxica en zonas das Asturias de lingua galega e que, por tanto alí pouco había, do bable que no título figuraba. Avertiu disto Lorenzo R. Castellanos cando, vintecinco anos despois, diu á imprensa en Ovedo unha verdadeira Contribución al vocabulario del ‘bable’ de Occidente. Si, Acevedo-Fernández fixeran a súa colleita en lugares de Asturias mormemente de lingua galega e o léxico apresentado non era, en xeral, o do bable occidental que o título anunciaba.

O de Acevedo-Fernández era un galego que, en certos puntos, incluía trazos propios do leonés e do castelán; e usaba o artigo masculino “el” que constitúe un arcaísmo medieval noso. Hoxe, ninguén discute que, na Asturias eo-naviega a lingua galega é a que rexe en competición desigual co español. Fálase galego nun territorio asturiano que as correntes fluviais de Eo e Navia delimitan en dazanove concellos que son: Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias, Navia, Negueira de Muñiz, Pezós, San Martín de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casariego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos, e Villaión. Neles habitan varios milleiros de falantes do galego e hai escritores e lectores na lingua propia.

Hoxe os estudos galegos arrequéntanse cunha obra cumial: Dicionario do galego de Asturias que sae das mans do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. O seu autor, Carlos Xesús Varela Aenlle, ofrécenos aos falantes do galego un rico tesouro de voces (821 páxinas) que deberían estar presentes en todos os dicionarios da nosa lingua, para uso e goce dun pobo que non colle dentro dos marcos que lle puxo a división administrativa do século XIX. E digámoslle “beizón” ao doutor Varela Aenlle que é como damos as grazas na raia do Laboreiro.

Escrito en memoria de Carmen de Freixe, meiga enxalmadora, e de Joselón da Penadozca de Baxo, narrador vivaz, que lle doaron palabras coma abellas de ouro a Dámaso Alonso en San Martín de Ozcos.

Compartir el artículo

stats