Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De Bolina

Xosé Ramón Pena

Arredor do mito dos “Séculos escuros” (II)

“Por que foi asentar o relato dos ‘séculos escuros’? Por que foi elaborado, aceptado e difundido polo galeguismo a partir da I Asemblea Nacionalista, celebrada en 1918? Por que, nas páxinas da Historia sinténtica de Galicia (1927), consideraba Ramón Villar que o devir do país galego durante os séculos XVI, XVII e XVIII carecía de verdadeiro interese?”. Velaí as preguntas coas que pechabamos a nosa anterior crónica; uns inquéritos para os cales prometimos, asemade, ofrecer algunha(s) posible(s) resposta. Xa que logo, ese vén ser o propósito das liñas que seguen. Non obstante, e antes de continuar, cómpre precisar aínda que o propio rótulo de “séculos escuros” –sen dúbida, un etiquetado con fortuna, aplicado á lingua e literatura galegas– non responde a unha cronoloxía tan ampla como puidese semellar: en realidade, e polo que somos capaces de precisar, o autor do mesmo viría ser alguén vinculado no seu momento a este mesmo, moi venerable, rotativo: X. Landeira Yrago, quen o foi empregar en 1975 na súa Poesía Galega. Dos devanceiros ao dezaoito, publicada pola editorial Galaxia. Antes desa data, a fórmula de maior éxito entre os estudosos veu resultar, porén, aqueloutra de “galego medio”.

“Á patria escravizaron uns reises de Castela”, escribiu o gran Ramón Cabanillas nas páxinas de Da Terra asoballada (1917). Non consideraran tal, da súa parte, A. López Ferreiro e, sobre todo, Manuel Murguía, “patriarca das letras galegas” e autor dos catro volumes da Historia de Galicia (1865-1913), para quen o labor dos Reis Católicos en terras galegas foi beneficioso diante da actuación duns nobres aos que non dubida en calificar como “crueis na vitoria, covardes na fuxida, brutais nos seus desenfreos, receosos e perxuros.” Acreditaba o primeiro presidente da Academia Galega na construción histórico-teórica da nación e de aí que fose utilizar os elementos nacionalitarios “historia”, “territorio” e “lingua” no seu discurso. Pero Murguía sentenzaba tamén que “a verdade non ten patria”: daquela, para alén das ensoñacións románticas de Verea e Aguiar, Martínez Padín ou Vicetto, o seu traballo foise artellar na confluencia do historicismo co pensamento liberal-democrático. En fin, segundo el, as Xuntas do Reino conformaran un órgao de goberno limitado mais de decidido carácter nacional e, ao cabo, sempre favorable para os intereses do noso país.

Mais nin sempre sopraron ventos de democracia na España do XIX e comezos do XX. Antes ben, xa desde amplos sectores das propias hostes liberais xa, desde logo, desoutras abertamente reaccionarias, o proceso de ampliación/consolidación das liberdades foi máis que discutido cando non coutado e/ou esmagado de xeito violento. Doutro lado, e paradoxicamente no nome do fomento dos ideais de igualdade e fraternidade, non só censuraron os progresistas españois as antigas prerrogativas dos territorios históricos –e aínda a propia persistencia dos mesmos– senón que incluso os foron considerar un impedimento para os avances da modernidade. E outra volta a teimosía do paradoxo –ou acaso non tanto–: veu ser desde as fileiras da reacción, mentres, onde se activou unha contundente defensa daquelas singularidades e velaí, en consecuencia, o pensamento e mais as guerras carlistas.

"Non só censuraron os progresistas españois as antigas prerrogativas dos territorios históricos senón que incluso os consideraron un impedimento para os avances da modernidade"

decoration

Pois ben; xustamente nas beiras, ou máis aló delas, do ideal carlista andou Alfredo Brañas. De certo, non vén ser este o lugar para detallarmos sequera unha síntese da súa teorización. Con todo, anotemos que, ben pouco amigo da orde burguesa e da democracia liberal, si que se amosou sempre o carballés partidario da descentralización e da procura/restauración das vellas liberdades locais. Desde logo, un cóctel ben difícil de dixerir nas tertulias “progres” da capital das Españas.

E a memoria do carlismo estaba aínda próxima en 1918. Para nada desexaban, entón, os líderes das Irmandades –na busca arreo de aliados– seren confundidos cos representantes dunhas Españas “caducas”, inzadas de fronteiras interiores que, de acordo co pensamento liberal, para o único que servían era para impedir o desenvolvemento do libre comercio e mais a prosperidade colectiva. En consecuencia, nada ou moi pouco de Brañas; pero tamén se facia preciso “retorcar” a manda de Murguía.

Mantendo, non obstante, o discurso historicista deste, se os liberais españois enxalzaban, e mesmo mitificaban, as liberdades “comuneras”, e viñan abxurar dos sucesores de Felipe II, da xeira da Santa Inquisición, das excentricidades barrocas, de todo aquilo que cheirase a “fueros”, “decadencia” e mais a desfeita de Trafalgar... os nosos progresistas-nacionalistas non ían ser menos ca eles. A aspiración, polo tanto, de convencer aos seus (supostos) homólogos nun proceso común ben puido xustificar, ao cabo, a desatención por unha parte da propia historia patria. E que, despois de todo, quen non tivo uns séculos escuros?

Compartir el artículo

stats