Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Saco e Arce nas alturas de Marcosende

Tiña eu para aí dez anos cando batín cos ollos por primeria vez cunhas palabras impresas en alfabeto grego, que, naturalmente, non din nin sequera pronunciado. Tales grafos aparecían no libro “Gramática Gallega” original de Juan A. Saco y Arce, Soto Freire editor, Lugo 1868. Non sei se moitas imprentas de Galicia dispuñan de tipos do alfabeto grego, pero a de Soto Freire, instalada en San Pedro 21, Lugo, si se podía permitir este luxo que, desde todos os puntos de vista, dignificaba o galego.

Estamos a falar da primeira gramática dun idioma que era negado coma tal por moitos e que poucos ousarían pór en relación co verbo de Homero. Saco e Arce, na xeración de Murguía, postulaba a orixe etimolóxica grega de palabras coma broa e colo. E abriu a súa “Gramática Gallega” con estas palabras: “la lengua gallega, la más dulce y melíflua de cuantas aparecieron en Europa sobre las ruinas del antiguo idioma de Lacio...”. Para el, o galego “viene sufriendo una lenta pero incesante destrucción, merced al continuo roce con la lengua oficial y clásica de los españoles...”. Pero o espírito do filólogo de Alongos (aldea do Ribeiro do Miño) era optimista e vaticinaba con fervor que a desaparición da lingua galega “no ocurrirá nunca”.

Isto a pesar de que hai fillos de Galicia que gustan de “renegar de su lenguaje nativo y se juzgan cultos extendiendo sobre él el ignominioso desdén que pesa sobre su hermosa región”. No discurso de Saco e Arce únense a reivindicación e estudo da lingua propia á vivencia das peculiaridades da patria, esbozando un sentemento de conciencia nacional. Ao tempo de saír á luz esta memoranza de Saco e Arce, preséntase nas alturas de Marcosende, na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, o libro titulado “A lingua en 2050”, Catro Ventos, Vigo 2021. Cunha excelente diagramación e deseño editorial, cómpre chamar a atención sobre a súa autoría e xénese.

Severamente aguilloado polo destino problemático do noso idioma, Fernando Ramallo, profesor e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, consultou o zunido dos ventos adversos que combaten contra a vixencia do noso idioma na actualidade coma combateron en vida de Saco e Arce, e ameazan sen treguas coa súa extinción. Ramallo, pensador e pioneiro da Sociolingüística en Galicia, dirixiulle a vintecatro intelectuais galegos un inquérito sobre a lingua no futuro.

Responderon, alén do propio Ramallo, persoas galegas de diferente configuración teórica e política que expoñen o seu punto de vista sobre o idioma propio de Galicia e o proceso desgaleguizador que xa constituía un cancro corrosivo nos días de Rosalía, Pondal e Xohán Antonio Saco e Arce.

Compartir el artículo

stats