Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Memoria enerxética

A enerxía nuclear é a enerxía máis limpa e segura que existe na actualidade, así como a máis rendible. Francia xera máis do 75% da súa electricidade coa enerxía nuclear, e por iso emite 10 veces menos Gases Efecto Invernadoiro ( GEI) que Alemaña. ¡Dez veces menos!. Alemaña xa comunicou que non vai pechar as súas centrais térmicas de carbón, senón que vai construír máis térmicas. Tamén aposta polo gas procedente de Rusia.

O goberno de España e o autonómico galego hai 40 anos fixo o oposto a Francia e na actualidade fan o contrario a Alemaña. Galicia tivo unha oportunidade para dar o gran salto adiante no seu desenvolvemento industrial. No seu día íanse investir 100.000 millóns de pesetas no proxecto atómico que se ía desenvolver en Xove, na provincia de Lugo. Crearíase traballo para 2.000 persoas, e atraería industrias que necesitan gran potencial eléctrico. Nada diso se fíxo.

O 28 de maio de 1982 o conselleiro de Industria da Xunta de Galicia informaba que o goberno autonómico non era partidario de construír a central atómica de Xove. E sobre o déficit enerxético que produciría a factoría de Alúmina-Aluminio de San Cibrao, o Consellería afirmaba que “esta industria non necesita da central nuclear de Xove”.

Corenta anos despois desas afirmacións do goberno autonómico, asistimos á realidade da crise eléctrica, e ao peche das factorías de ALCOA, e da factoría de Alumina-Aluminio de San Cibrao. O que valía para Francia non interesaba en Galicia. A factoría de Alumina-Aluminio de San Cibrao foi inaugurada un luns 6 de outubro de 1980. O complexo industrial era un dos tres máis importantes do mundo no seu xénero, xunto cos xa existentes en Estados Unidos e Canadá. Xeráronse no seu día 1.600 empregos. No ano 1998 a empresa foi vendida á empresa Alumnium Co. of America ALCOA.

Hoxe Galicia carece de central atómica, necesita de electricidade barata, ALCOA e a factoría de Alúmina-Aluminio de San Cibrao pechan. Tamén se pecha a central térmica de Endesa, mentres que Alemaña, Polonia ou Marrocos constrúen máis térmicas. Marrocos tamén constrúe atómicas. E Francia produce a súa electricidade atómica e non contamina.

*Álvaro Rodríguez é avogado en Vilagarcía de Arousa.

Compartir el artículo

stats