Opinión | Os camiños da vida

Contumacia e Fe

De rapaz non fun adito ás historietas de “El Guerrero del Antifaz”. Sen embargo, sempre o asunto do Islam e da súa función política estivo presente na miña vida e me veu esixindo tomas de posición analítica unha e outra vez. Ao estudarmos o “Cantar del Cid” sorprendeunos a diferencia que o relato facía entre mouros amigos e inimigos dos casteláns. Lembro o Cid empoleirado no castelo de Valencia. El enxerga o meixón vivo dos almorábides chegados de África preparándose para os rexeitar contundentemente.

En cada curruncho da Historia, a partir da chegada a ela de Mahoma, vemos aparecer un e outro pobo que, despois do árabe, vai fanatizándose sucesiva e imperialmente no Islam. O Cid aparecía cercado pola masa ululante dos bérberes norteafricanos islamizados. Os Khans mongois, en ordas sucesivas e douradas, e mailos tártaros que non deixaban durmir á Rusia do príncipe Igor (aínda haberían de incomodar moito a Miguel Strogoff) son unha presenza constante no Leste de Europa. Insisto en almorábides porque ese nome provén do árabe “murabit” que significa home santo e relixioso coránico. Isto, atravesando séculos coma as areas do deserto, une o significado da palabra “almorábide” cun dos enigmas políticos do tempo presente, cal é o dos taliban ou sexa teólogos combatentes na guerra á maior gloria de Deus. O fanatismo mahometano impresionounos a xeracións de adolescentes nas versións cinematográficas que se sucederon baseadas na novela de A.E.W. Mason titulada en castelán “Las cuatro plumas”.

O espírito británico imperial que brilla en Rudyard Kipling parece que transite e se multiplique nesta familia de películas populares e na novela de mason. Aínda hoxe, se fechamos os ollos, voltamos a ouvir os cascos da cabalería do místico (digámoslle taliban) El Mahdi acabando coa vida do moi romántico xeneral Charles George Gordon, quen tan belamente fora retratado por Julia Abercombry con pincelada esvaída e namorada. Despois desta evocación, os taliban mobilizados por Washington contra a razón soviética en Afaganistán e o atentado das Torres Xémeas semellan negar o avance da historia humana. Non é así: a forma simbólica do progreso social, ético e racional da Humanidade é a dunha espiral ascendente. Esta parece regresar ao pasado aínda que só o fai en apariencia.

O Islam político estivo presente no mundo desde a súa fundación até hoxe, e representando intereses sociais ás veces contraditorios e mesmo antagónicos. En xeral, coma outras relixións utilizadas para o dominio e explotación das persoas, a súa influencia non foi benéfica senon deformante. Xa Goya debuxara unha estampa cuxo pé reza así: “El sueño de la razón engendra monstruos”.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents