Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

007 non é (era) só un número

Estou certo de que, cando estas liñas vexan a luz pública, han de ser uns cantos/moitos aqueles de entre Vdes. que xa acudiron ás salas de cine para ollaren a nova entrega do axente secreto menos secreto da historia: “No time to die” (‘Sin tiempo para morir’, entre nós), con Daniel Craig na súa quinta e derradeira interpretación do personaxe. Pois ben; se tal fixeron, han de ter fresca na memoria aínda o momento en que alguén pronuncia no filme estas palabras: “007 é tan só un número”; unha sentenza que, algo máis adiante, asume o propio Bond. E vale: como estratexia para-subliminal por parte dos responsables da serie, talvez a cousa funcione; agora ben, na estima deste cronista, acontece que gato é gato, e lebre é lebre.

A ver; debo confesar aquí e agora que manteño de sempre unha confusa correspondencia co mundo anglosaxón, en xeral, e con esoutro, british, en particular –co eido british e, desde logo, co seu idioma: encántame o inglés; mais, ao tempo, aborrezo esa linguaxe esquiva que nunca darei falado (e escribido) como Deus e William Shakespeare mandan–: xa que logo, no lado escuro poñamos a cervexa tépeda, a comida infame e mais a moqueta; conducir pola esquerda; Xibraltar; Margaret Thachter e as Spice Girls; Camilla Parker; o cricket; o MI6... Da banda da luz, a xenebra e mais o whisky; as minisaias; os Beatles e os Rolling Stones, John Le Carré; Winston Churchill; Lady Di; o fútbol e o rugby... e outra volta o MI6. Canto a Bond...

Non vaia ser que o Aston Martin acabe tirado nunha gasolineira calquera

decoration

A ver, de novo: se de veras acontece que resulta verdade aquilo que anotara Rainer Maria Rilke –xa saben: “ a verdadeira patria do home é a infancia”–, sucede que o tempo da miña educación sentimental –se é que esa xeira remata de veras algunha vez– vén coincidir con esoutro do desenvolvemento da “saga 007”. Nin que dicir ten, están as “raparigas Bond” –e velaí Diana Rigg, Barbara Bach, Lois Chiles.... por non falarmos de “mamá” Ursula– pero asemade as Walther PPK, o vodka martini... a conformarsen os fotogramas que alimentaron soños en technicolor. Canto a el, a 007 e se, enmendando a John Osborne, boto a ollada cara atrás sen ira, Roger Moore –un dos peores actores de cinema posibles– aínda devén simpático por máis que irremediablemente camp. Timothy Dalton –de entrada, unha ducha tépeda– vai gañando co paso dos anos. Pierce Brosnan en fin... –por máis que, ao meu ver, a primeira parte de “GoldenEye se amose impagable–; canto a Connery, e por moito que me torturen os sicarios do Dr. No, nunca direi/escribirei nin unha soa palabra en contra do grande escocés, punto e parágrafo.

E resta –restaba– Daniel Craig. Formidable en “Casino Royal”, contempleino un tanto perdido en “Quantum of Solace” e outra vez no máis alto con “Skyfull”. Falando/escribindo con sinceridade, coido que si que o vou/imos botar de menos.

E, vale, OK Mackey: un pode comprender que mudan os tempos/mudan as vontades, que todo flúe e nada permanece. Considerarmos así mesmo que o sentido do humor variou, que os xeitos de relación home/muller resultan, felizmente, diferentes; que Ethan Hunt e Jason Bourne constitúen unha difícil competencia; metabolizarmos, que o personaxe Bond tiña que acompasarse á época que estamos a habitar. Porén, non é menos verdade tamén que aquilo que se foi gañar en “realismo” –é un dicir– e, sobre todo, en corrección política si que se foi perder en frescura, en fantasía, en pura e dura diversión. Así as cousas, entendo que fixo moi ben Craig en retirarse a tempo. Como fará moi ben, da súa parte, o MI6 en retirar os 007 da súa nómina: e é que se habemos de continuar co “realismo” por emblema, non vaia acontecer que calquera día destes o Aston Martin de Bond, logo de superar todos os vehículos dos “malos”, acabe tirado nunha gasolineira calquera vítima do desabastecemento (efectos do Brexit, ou iso aseveran por aí).

E non meus: inventen e reiventen o que lles praza; deseñen e redeseñen; póñano toda patas arriba. Pero por moito que teimen, por moito que nola queiran “colar”, 007 é moito máis, sempre será moito máis que un número.

Compartir el artículo

stats