Opinión | In memoriam

Pedro Puy*

IN MEMORIAM | Unha gran perda para Galicia

Valeriano Martínez, en su despacho.

Valeriano Martínez, en su despacho. / XOÁN ÁLVAREZ

Hai unha xeración á que Galicia, a Galicia autonómica, lle debe moito. É a xeración nada aos inicios dos sesenta do século pasado, esa á que agora aplican o barbarismo de baby boomers. Os fillos da xeración que na dura posguerra levantou o país a base de moito traballo, co que moitos poideron, esforzadamente, pagarlle estudos superiores aos seus fillos. Aos da xeración dos que, como Valeriano e tantos outros e outras que hoxe desempeñan postos de responsabilidade política nas institucións autonómicas, vivimos a adolescencia ao final da Dictadura e na Transición, e accedemos a unha universidade pública galega que ía paulatinamente impartindo novas titulacións e incrementando exponencialmente o número de titulados superiores en Galicia. A xeración que remata os seus estudos coa Constitución e o Estatuto aprobados, cando a Xunta daba os seus primeiros pasos con todo tipo de carencias de medios e persoal.

Naquela universidade, que o era de toda Galicia, Valeriano licenciouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que xa comezaba a consolidarse coas primeiras promocións de docentes formados nela. A oferta de prazas na Administración Autonómica, acabada de crear, era constante, e constituía unha saída profesional inmediata e ilusionante para moitos galegos e galegas, que, como Valeriano, proviñan de vilas ou aldeas. Como moitos outros, accedeu ao corpo superior de funcionarios e creceu profesionalmente á par que a Xunta asumía competencias. O seu bo facer permitíulle ir ocupando postos de xestión, fundamentalmente no Sergas, e posteriormente na Dirección Xeral de Transporte. Poucas persoas coñecían tan ben a función pública autonómica e o principal dos seus entes instrumentais, o Sergas, como Valeriano; moi poucos como el poderían xestionala cun coñecemento tan fondo da normativa e das funcións administrativas que se regulaban. Unía ao seu coñecemento e capacidade de traballo unha actitude dialogante, particularmente cos sindicatos, cos que se acadaron importantes acordos durante a súa etapa na consellería. E tamén unha ampla visión analítica, da que deixou excelente proba nos informes públicos que elaborou como auditor no Consello de Contas; e nos internos que preparaba, nos tempos imposibles da crise financeira, na Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta. Pero a súa capacidade analítica ía máis aló, facendo del un perfecto aliado para o impulso e posta en marcha de grandes reformas, tanto no eido fiscal (como coa reforma do Imposto de Sucesións) coma no institucional, onde se volcou no desenvolvemento da Lei do Consello de Contas que incorporou mecanismos para a prevención da corrupción.

Tiven a grande sorte de poder traballar con el. De aprender xunto a el. No Consello de Contas, na Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta e ultimamente no Parlamento e na consellería. Pero sobre todo de desfrutar da súa amizade. Valeriano foi un servidor público extraordinario. Pero Tito era unha persoa excepcional. Un galego dos pes á cabeza, tan pegado á terra cando elaboraba os orzamentos como cando paseaba polos seus currunchos de Aldán e Beluso. Un home unido, sobre todo, á súa familia. Porque para Galicia é unha grande perda, que botaremos de menos na execución das reformas que o país precisa para a superación da pandemia. Pero incomparable coa que agora mesmo están a sentir a súa muller, Marila, e o seu fillo, Santi. Non hai consolo para eles, quizais tan só na continuidade do aprecio, afecto e respecto que lle tiñamos, que lle teremos, todos os que compartimos vida con Valeriano. Deixounos demasiado pronto. Descanse en paz.

*Portavoz parlamentario del PP

Tracking Pixel Contents