Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Días de amargas ausencias: a morte en exilio

O tema da morte lonxe da terra non é alleo para Galicia, cultura golpeada por éxodos e migracións ao longo da súa historia. Foi, por este motivo, tema importante de todo tipo de manifestacións artísticas que agrupa nomes tan emblemáticos como Rosalía, Curros, Castelao, Manoel Antonio, Seoane etc. todos eles, por diferentes motivos, vítimas directas ou indirectas desta dramática circunstancia. Estes e outros moitos creadores fixeron visible e puxeron voz a unha gran maioría dos nosos exiliados e emigrantes que non deixaron palabras escritas pero foron constante acusación social, asinada por unha dolorosa ausencia que se prolongou, con frecuencia, ata a súa morte. Sen esquecer a desmesurada soedade na que se viron inmersos ó longo da súa vida.

En non poucas ocasións coincide a chegada ós países de acollida coa morte, que parece estar á espreita. Tal é o caso dramático que lle conta Manuel López Mosquera ao seu sobriño Luís Seoane. Despois de fuxir de Santiago en plena guerra e cruzar clandestinamente a fronteira vasca cara a Francia, acaba internado nun campo de concentración e non chega a México ata finais de 1939. Desde Durango escribe unha carta (3-XI-1939) na que relata os últimos días do seu compañeiro de infortunio, o licenciado Núñez de Prado, fillo do xeneral do mesmo nome mandado fusilar por Franco. Abandonado pola súa familia, enfermo do corazón, morreu sen un centavo, rodeado dos seus patriotas republicanos sen un lamento. Como bo galego Mosquera promete que terá un panteón como se fose millonario. Tampouco podían os exiliados acudir a remediar a soedade dos pais e avós que morrían amortallados por mans alleas, tal como pasou coa nai dos Dieste no ano 1944.

A morte de Xabier Bóveda (novembro de 1963), aínda que ocurrida en Madrid, está tamén rodeada desa tristeza existencial, tal como conta Seoane a Lorenzo Varela: acababa de chegar a Madrid procedente de Bos Aires, levaba dez días nunha pensión da capital. Estaba desorientado porque Madrid non era a cidade que coñecera corenta anos atrás. O seu enterro, nun día de chuvia, foi tristísimo, relata Seoane, “asistimos unhas trinta persoas, todas galegas menos un pintor salteño, Usandivaras, que reside aquí.”

Tamén a chuvia sirve de telón de fondo dos sentimentos que Otero Espasandín expresa a Rafael Dieste pola morte de Antonio Baltar ocorrida en Bos Aires no outono de 1970. Lembra ao gran camarada, a súa entrañable grandeza de espírito, o seu ascetismo, a súa humildade, un gran home do seu tempo e dos seus contratempos. “Días, remata a carta, “de amargas ausencias”.

Nunha lóbrega pensión de Bos Aires faleceu o escritor exiliado Xosé Xoán Pérez Gómez (1891-1947), natural da Pobra do Caramiñal que adoitaba asinar como “Caramiñas” as súas colaboracións periodísticas. Co pseudónimo de José Barbanza firmou varios libros para a colección Billiken da editorial Atlántida que dirixía o seu amigo Rafael Dieste. O seu enterro foi pagado polas quince persoas que o acompañaron na súa derradeira viaxe.

Foi nos primeiros meses de 1965, cando faleceron en Bos Aires, no hospital do Centro Galego, María Miramontes, viúva de Anxel Casal, e Ramón Suárez Picallo. Quixo o destino unilos tamén neste intre decisivo. A necrolóxica de ambos foi responsabilidade de Isaac Díaz Pardo (“Picallo quería morrer no Fiunchedo”) e Luís Seoane (Maximino Brocos). Morreron lonxe de todo canto tiñan amado intensamente e daquelas ilusións que se forxaron entre os ruídos de impresión da imprenta Nós de Anxel Casal, a fragua do galeguismo.

Compartir el artículo

stats